Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán Os populares entenden que o canon da auga ten por finalidade a solidariedade ambiental.

Os populares entenden que o canon da auga ten por finalidade a solidariedade ambiental.

Correo-e Imprimir PDF
O presidente de Augas de Galicia, Francisco Menéndez Iglesias e mais o portavoz popular Alberto Valverde no Torreiro de Priegue.

O presidente de Augas de Galicia, Francisco Menéndez Iglesias, visitou Nigrán para explicar a nova Lei de Augas de Galicia. O acto celebrouse no Centro Cultural O Torreiro de Priegue, e foi presentado polo presidente do PP e candidato popular á alcaldía de Nigrán, Alberto Valverde. Nesa xuntanza Valverde informou que a Lei de Augas do pasado 26 de outubro o Parlamento de Galicia aproboulla “por maioría absoluta, en cumprimento coa Directiva Marco da UE.” A continuación sinalou que o canon que impón a devandita norma non ten un afán recadatorio e ten por fin aportar recursos á solidariedade ambiental.

Os populares afirman que analizando o proxecto de lei punto por punto “confírmase que todas as acusacións vertidas sobre a nova normativa son falsas”. En relación ao ámbito rural afirman que o texto especifica que os usos agrícolas, gandeiros e forestais deste recurso quedan exentos do pagamento do canon. Así mesmo, establécese unha bonificación dun 90% para as comunidades de usuarios, traídas veciñais e pozos particulares, en recoñecemento ao esforzo realizado na administración do seu propio sistema de abastecemento.” Ademais, e a pesar de que a instalación de contadores é obrigatoria por normativa estatal dende hai uns anos, a Lei de Augas de Galicia prevé que os usuarios que non dispoñan dun mecanismo de medición directa se poderán acoller a outros sistemas de estimación obxectiva”agregan.

“As diferenzas entre a Lei de Augas aprobada co apoio do PPdeG e a proposta presentada polo anterior bipartito son abismais” afirmou Valverde. “ Fronte ao texto actual, o documento do bipartito consideraba a creación de ata catro impostos. Non contemplaba incentivar o uso racional da auga, xa que non estaba prevista a realización de tramos de consumo. Tampouco tiña en conta o número de persoas residentes na vivenda, descontos especiais a familias numerosas nin prevía a implantación de ningunha tarifa social. Ademais, a proposta do PSdeG-PSOE e do BNG gravaba en maior medida que a lei actual os usos agrícolas, gandeiros e forestais da auga.”

Neste contexto, os populares denuncian a existencia dunha dobre moral en proceder da oposición, especialmente por parte do BNG, ao criticar unha lei iniciada por eles mesmos. “Unha dobre rapadoira evidente cando a oposición demanda a Xunta de Galicia que financie infraestruturas e servizos hidráulicos cando, paralelamente, critican o sistema proposto polo goberno autonómico para facelo: lei de augas”, afirman.

Ademais, o PP de Nigrán sinala o sucedido en Pontevedra,” un municipio baixo bandeira nacionalista. O goberno deste Concello enganou os cidadáns deste municipio a través das taxas municipais sobre a auga. O servizo de depuración pasou ás mans da Xunta de Galicia e os responsables nacionalistas, en lugar de suprimir a taxa municipal de depuración, incrementaron a de saneamento coa anterior, mantendo así a recadación de dous servizos cando só prestaban un”.