Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán Nigrán: A Xunta de Galicia estuda modificar o trazado da PO 325 á altura da baixada de Patos.

Nigrán: A Xunta de Galicia estuda modificar o trazado da PO 325 á altura da baixada de Patos.

Correo-e Imprimir PDF

Está a estudo da Consellería de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia a modificación das interseccións de acceso á Praia de Patos e a Rúa Costa da Barxa á altura da PO 325 no concello de Nigrán. Segundo o comunicado por esta consellería ao parlamento autonómico, se está valorando a eliminación do trazado actual do camiño de acceso rodado recollendo como solución a construción dunha glorieta que facilite a circulación e ao mesmo tempo non afecte a seguridade peonil.

No devandito informe a administración opina que a intersección da PO 325 coa baixada á Praia de Patos ten unha "particular xeometría e unha visibilidade reducida", polo cal o actual proxecto de mellora da seguridade viaria desta estrada provincial, estaba proxectado "suavizar o entronque do acceso cun novo trazado anexo á marxe dereita da traza, así como a mellora do acceso inmediato da marxe esquerda", máis comprometido dende o punto vista da visibilidade. Nunha primeira instancia "estudouse a creación de dúas interseccións en forma de T con carril central de espera para o xiro á esquerda e cuñas de incorporación e saída de forma independentemente para cada unha das interseccións. Debido a este primeiro estudo o consellería entendía que a regulación do tráfico cun semáforo era innecesaria.

Unha vez coñecido o proxecto polos veciños, estes a través da Asociación de Veciños de Panxón entrevistáronse coa consellería no entendido que a modificación prexudicaba a fluidez do tráfico, a seguridade peonil e o ingreso a varios barrios da parroquia. Desta reunión, informa a consellería, saíu o compromiso de estudar "a modificación da tipoloxía das interseccións de acceso a Praia de Patos e a Rúa Costa da Barxa", coa substitución da T pola devandita glorieta.

O informe da Consellería de Medio Ambiente deu contestación a unha pregunta do grupo parlamentario do PSOE, sobre "os criterios seguidos para o pechamento do cruzamento de Patos na execución das obras de mellora da PO 325, Vigo - Nigrán, a solución prevista para evitar que os barrios de Sancho, Paraviñaral, O Quinteiro e O Rial queden incomunicados, e os contactos mantidos coa Asociación de Veciños de Panxón para resolver os problemas xurdidos".

Pola súa banda o Concello de Nigrán, a través do seu concelleiro de Urbanismo e 1º tenente de alcalde Juan González, manifestou que " Trátase polo tanto dunha mellora necesaria e dunha esixencia do goberno de Nigrán ante a Xunta de Galicia que pretendía incomunicar aos barrios de Sancho, Paraviñabal, O Quinteiro e O Rial cunha solución construtiva incoherente e que prexudicaba en gran maneira a veciños e veciñas de Nigrán sen aportar unha solución efectiva para os problemas de tráfico nesa zona".

A Consellería de Medio Ambiente agregou que estase pendente de manter unha nova reunión cos veciños para dar conta da solución que sería "tecnicamente viable" de acorda ás demandas veciñais.