Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán UCN presenta moción para destituír dos seus cargos ao concelleiro Cándido Costas Fernández.

UCN presenta moción para destituír dos seus cargos ao concelleiro Cándido Costas Fernández.

Correo-e Imprimir PDF
antonio_fernandez

Unión Centrista de Nigrán (UCN) ingresou hoxe ao rexistro do Concello unha moción na que rexeita a permanencia na corporación do concelleiro socialista de Vías e Obras Cándido Costas Fernández ademais de solicitarlle a renuncia voluntaria da súa acta de concelleiro electo. O portavoz de UCN Antonio Fernández Comesaña, fundamenta a moción nun intenso informe onde cita as supostas continuas violacións do concelleiro socialista, das normativas urbanísticas vixentes e o incumprimento das sentenzas xudiciais relacionadas a unha vivenda unifamiliar da súa propiedade e actos de desorde público no concello de Nigrán. A iniciativa de UCN tamén insta ao alcalde Efrén Juanes a que proceda á destitución de Costas Fernández de tódolos cargos de concelleiro delegado, en caso de que este non renuncie voluntariamente a eles. A iniciativa en caso de ser aprobada déixalle unha semana de prazo a Efrén Juanes para dar cumprimento á execución da mesma. Pola súa banda, o portavoz socialista Juan González afirmou que unha vez máis o concelleiro Fernández Comesaña intenta atopar "un oco na política de Nigrán a través deste tipo de cousas". González manifestou o total rexeitamento dos fundamentos así como da moción presentada pola UCN, e quitou trascendencia ás acusacións de Fernández Comesaña por tratarse dunha persoa que no "ámbito da política esta moi desprestixiada".

Antonio Fernández Comesaña, afirma que o seu interese é "denunciar a hipocresía e dobre moral que practica o PSOE de Nigrán, vendo a palla no ollo alleo e non a viga no propio, ao manter na corporación un concelleiro sobre o que pesa unha sentenza por danos á casa consistorial, mobiliario urbano, vehículos policiais, así como alteración da orde pública etc, e imputación dun presunto delito de corrupción urbanística e contra a ordenación do territorio." O líder de UCN dixo que instará á dirección provincial e galega do PSOE "e especialmente ao seu secretario xeral Pachi Vazquez, aplicando en Nigrán o que veñen pregoando en relación a concelleiros condenados por sentenza firme, co fin de rexenerar a vida pública, por hixiene e limpeza democrática, teñen en Nigrán a oportunidade de predicar co exemplo, pola contra a súa mensaxe non será crible ante a cidadanía."