Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán Porto do Molle: "A cidade do traballo da área de Vigo" promoverá a cultura emprendedora.

Porto do Molle: "A cidade do traballo da área de Vigo" promoverá a cultura emprendedora.

Correo-e Imprimir PDF
porto-de-molle-cie

O Centro de Iniciativas Empresariais (CIE) do polígono Porto do Molle acollerá nos seus 13 mil m₂ un sementeiro de empresas co obxectivo básico de promover a "cultura emprendedora" no Val Miñor. A pedra fundamental foi colocada onte por María Teresa Pisano, delegada do Consorcio Zona Franca de Vigo e mais o alcalde de Nigrán Efrén Juanes. Cunha inversión de 9.6 millóns de euros, o CIE deberá brindar servizos para a promoción e consolidación de empresas as que recibirán asesoramento gratuíto, aloxamento e tarifas preferencias nos insumos básicos. O edificio "o máis grande que nunca se fixo en Nigrán en toda a súa historia", segundo Juanes, levará 16 meses de construción e demandará a intervención directa de 75 persoas entre técnicos e obreiros. Segundo o Consorcio, Porto do Molle perfílase como "A cidade do traballo da área de Vigo".

Rodeada por medio centenar de persoas e acompañada polo alcalde Efrén Juanes, María Pisano colocou nunha caixa exemplares dos xornais rexionais Atlántico e Faro de Vigo e mais un do xornal El País. De seguido unha bolsiña con moedas e mais un exemplar da Constitución española. Un operario encargouse de colocar a caixa xunto coa pedra fundamental no soleado mediodía de onte, nun acto que segundo Juanes simbolizou o "verdadeiro cambio no modelo produtivo" que se está a producir en Nigrán.

María Pisano: "O Consorcio ten un obxectivo claro: crear emprego"

A delegada de Zona Franca, María Pisano afirmou que o CIE de Porto de Molle intentará reproducir o éxito obtido en A Granxa, Porriño, onde o 90% das empresas iniciadas alí han resultado exitosas. Pisano resaltou o interese do Consorcio na promoción dunha "cultura empresarial" e para iso dixo é fundamental o desenvolvemento de tarefas de apoio aos emprendedores no momento da iniciativa como na consolidación das empresas. O CIE contará a tal fin coa oferta dun espazo físico con todas as instalacións necesarias para comezar a actividade a prezos inferiores aos de mercado; asesoramento empresarial especializado, tanto no proceso previo ao arranque coma no de maduración do proxecto cooperando dende o inicio na avaliación e elaboración do plan de empresa; formación no fomento do espírito emprendedor, na elaboración de plans de negocio, na xestión empresarial e na consecución de axudas e subvencións.

"O Consorcio ten un obxectivo claro" asegurou Pisano, "crear emprego". A delegada sostivo que nesa liña este proxecto servirá para "potenciar o crecemento económico da área e a consolidación dunha poboación estable nesta área económica". Por último a representante do Consorcio manifestou que este edificio como tódolos de Porto do Molle estará construído con criterios de sostenibilidade ambiental. O novo CIE componse de dous módulos paralelos a dúas rúas, cun vestíbulo de acceso na zona de unión de ambos os dous. Edificio de baixo máis tres alturas no bloque á rúa e baixo dous no bloque do patio praza cara ao río, terá cubertas transitables como áreas de descanso propias con vistas sobre o río Muíños. "A utilización de enerxías renovables optimizará o mantemento desta construción", afirmou Pisano.

Efrén Juanes: "A partir de hoxe en Nigrán nada será como era"

Pola súa banda, Juanes manifestou a súa satisfacción pola inversión que entre outras cousas implica a construción do edificio máis grande da historia de Nigrán. "A partir de hoxe, en Nigrán nada va a ser como era",sostivo e celebrou que esta inversión "non ten nada que ver coa especulación inmobiliaria o urbanística." "Este edificio non vai estar pechado dez meses ao ano como a maioría dos edificios de meu pobo", sentenciou o alcalde. Polo contrario, "este sementeiro de proxectos empresariais traerá proxecto de vida que permitirán que os edificios de persianas baixas estean abertos todo o ano, ese é o noso obxectivo" afirmou.

O alcalde de Nigrán afirmou que "esta é a luz ao final do túnel, un verdadeiro brote verde", que segundo Juanes permitirá que en Nigrán "vivamos e traballemos no mesmo pobo". Logo de agradecer a confianza do Consorcio de Zona Franca en Porto do Molle, afirmou que este cambio é "un verdadeiro cambio no modelo produtivo" que ocorre "sen perder a nosa perspectiva turística e residencial que es perfectamente compatible con Porto do Molle"