Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán Tres días de loito oficial en Nigrán e homenaxe da Xunta de Galicia a Francisco Fernández del Riego

Tres días de loito oficial en Nigrán e homenaxe da Xunta de Galicia a Francisco Fernández del Riego

Correo-e Imprimir PDF
fernandez_riego

O Concello de Nigrán decretou tres días de loito oficial polo falecemento de Francisco Fernández del Riego, dende hoxe ata o próximo mércores. Durante estos tres días as bandeiras do concello permanecerán a media hasta.

 

Homenaxe da Xunta de Galicia.

 

A Xunta de Galicia vén de convocar á Real Academia Galega, ao Consello da Cultura Galega, á Fundación Penzol e á Editorial Galaxia a unha homenaxe conxunta a Francisco Fernández del Riego. Estas institucións participarán o vindeiro mércores, día 1 de decembro, no acto que organiza o Goberno autonómico como recoñecemento da sociedade galega ao intelectual galeguista.

Fernández del Riego, que faleceu o pasado venres en Vigo aos 97 anos, foi un dos protagonistas dos grandes fitos da cultura galega do século XX. Así, o que fora presidente da Real Academia Galega e o seu membro máis antigo, era un dos últimos vínculos do presente co primeiro Grupo Nós, co Instituto de Estudos Galegos e co Partido Galeguista.

Ademais, Francisco Fernández del Riego caracterizouse polo seu talante emprendedor, que o levou a fundar empresas e iniciativas culturais aínda hoxe en plena vixencia. É o caso da Editorial Galaxia, que fundou canda Ramón Piñeiro e Xaime Isla Couto, da Fundación Penzol ou da revista Grial, da que foi o primeiro director.

Entre as súas múltiples achegas á dinamización da cultura galega destacan a promoción e o impulso que Fernández del Riego lle deu á iniciativa de constitución dunha festa anual para a lingua galega, a través da instauración do Día das Letras Galegas.

A súa entrega a Galicia e á súa cultura foi premiada en 2001 coa Medalla de Ouro de Galicia, a máis alta distinción do Goberno autonómico, que tamén recoñeceu o seu labor noutros momentos coa Medalla Castelao ou o Premio das Artes e das Letras de Galicia. No Val Miñor foi distinguido en vida cos títulos de “Fillo adoptivo de Nigrán” e “Socio de Honra do Instituto de Estudos Miñoranos”.

A homenaxe que organiza a Xunta de Galicia ten por obxecto poñer en valor o inmenso legado de Francisco Fernández del Riego e reunir ao conxunto da sociedade galega ao redor do tributo á súa figura.