Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán Nigrán acumula 350 toneladas de lixo tras oito días de folga indefinida

Nigrán acumula 350 toneladas de lixo tras oito días de folga indefinida

Correo-e Imprimir PDF
A partir das 11:00 horas o comité de empresa mantén un encontro co alcalde por entender que a solución a este conflito laboral atópase no Consistorio. Unhas 350 toneladas de lixo están acumuladas na rúas do municipio pontevedrés de Nigrán tras oito días de folga indefinida no servizo de limpeza Cespa, a concesionaria municipal, informa o responsable da Federación de Servizos de CIG, Xusto Fernández. Está previsto que sobre as 11:00 horas de hoxe o comité de empresa manteña un encontro co alcalde desa localidade, Efrén Juanes, por entender que a solución a este conflito laboral atópase no Consistorio.

«Aquí dun xeito ou doutro se ten que implicar o concello», argumentou Fernández, quen agregou que a institución pública ou ben asume a diferenza que se lle está pedindo a Cespa ou se lle terá que rescindir o contrato.

A folga indefinida comezou agora fai oito días. Cada día que pasa déixanse de recoller en Nigrán entre 40 e 50 toneladas. Os fortes fedores son xa insoportables non só para os veciños da zona, senón tamén para a poboación turista desta época estival.

O comité de empresa demanda un incremento salarial que equipare o que cobra ao ano un peón de limpeza municipal (17.000 euros) ao que gaña un peón de Cespa (14.000 euros).

A primeira toma de contacto entre Cespa e o comité de empresa produciuse onte nas instalacións de CIG en Vigo, e logo de dúas horas non conseguiron aproximar posicións.

Cespa ofreceu aos seus empregados un incremento salarial do IPC máis 1 punto, así como unha cuarta paga, o que representa a metade do que reivindican os traballadores, polo que non o aceptaron.