Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán O urbanismo en Nigrán no debate da TVG

O urbanismo en Nigrán no debate da TVG

Correo-e Imprimir PDF
Hoxe ás 23:32 no programa da TVG "Hai debate" intervirá como convidado no debate Xosé Manuel Rial, ex-alcalde de Nigrán e actual voceiro do grupo socialista.

Cando a Xunta vén de suspender as competencias urbanísticas do concello lugués de Barreiros, e aínda quente a denuncia do fiscal do Tribunal Superior de Xustiza contra o alcalde e cinco concelleiros de Nigrán (Pontevedra), “Hai Debate!” analizará o tenso momento que está a vivir o urbanismo en Galicia. ¿Pódese falar de “terrorismo urbanístico”, un elemento capaz de erosionar a confianza dos cidadáns nas institucións e, en concreto, nos partidos políticos? ¿Están os concellos condenados a facer a vista gorda coas licencias de obras? ¿As decisións xudiciais móvense segundo os ditados da política? ¿Pódese asumir que, mentres uns se enriquecen ilicitamente coa construción, outros moitos non teñan posibilidade de acceder a unha vivenda digna? Estes son algúns dos asuntos que serán obxecto de análise esta noite no programa da Galega “Hai Debate!”.

No espazo que conduce a xornalista ferrolá Ana Rodríguez participarán os deputados autonómicos LUÍS TOXO (PSdeG-PSOE), CARME DA SILVA (BNG) e PILAR ROJO (PP).

Fronte a eles, estarán os xornalistas MANUEL V. SOLA (analista económico de El País), XAVIER NAVAZA (xefe da área política de El Correo Gallego) e XOSÉ LUÍS GÓMEZ (director da revista Capital).


Para introducir e centrar o debate sobre a situación do urbanismo e da vivenda en Galicia, XOSÉ MANUEL RIAL, ex alcalde de Nigrán (1999-2003), e actual voceiro do grupo socialista no concello, será entrevistado no estudio 5 da Galega. Explicara a súa visión dos cargos que sustentan a denuncia do fiscal contra o equipo de goberno por presunto tráfico de influenzas. ¿Busca a denuncia fiscal prexudicar ao Partido Popular, diante das próximas eleccións municipais?, ¿ten que activarse o código ético da vida política só despois de sentenzas xudiciais firmes?, serán algunhas das cuestións coas que tamén será confrontado o portavoz socialista.