Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán A nota de prensa do Alcalde de Nigrán

A nota de prensa do Alcalde de Nigrán

Correo-e Imprimir PDF
Esta é a nota de prensa íntegra enviada por alcaldía aos medios de comunicación, a modo de entrevista:

NOTA DE PRENSA

Propón que sexa a próxima Corporación a que, nun clima de serenidade, consenso e participación, decida o planeamento urbanístico do concello

ALFREDO RODRÍGUEZ PROPÓN Ó PLENO RETIRAR O PLAN XERAL DE ORDEACIÓN MUNICIPAL DE NIGRÁN
O alcalde de Nigrán, Alfredo Rodríguez Millares, decideu hoxe someter á consideración da Corporación Municipal a súa decisión de retirar o Plan Xeral de Ordeación Municipal (PXOM) de Nigrán. Con esa finalidade, convocou hoxe a celebración dun pleno extraordinario e urxente que terá lugar o vindeiro mércores.

Alfredo Rodríguez tomou esta iniciativa en vista de que o proceso de aprobación do Plan Xeral de Nigrán <xenera, nalgún sector do noso concello, certa inquietude social e valoracións enfrentadas e dispares entre os veciños, colectivos sociais e partidos políticos>. Según o alcalde, esas valoracións enfrentadas proceden <nuns casos polo descoñecemento do propio documento, noutros por interés partidista, nalgúns por desinformación ou información sesgada e tendenciosa, e, incluso, porque moitos veciños e grupos, de boa ou mala fe, o consideran positivo ou negativo para Nigrán>.

Grupos a favor e en contra

Según manifestou hoxe Rodríguez Millares, varios colectivos veciñais apoian o Plan e son partidarios de traballar sobre o actual documento, e outros consideran que debe retirarse. Esta mesma situación dase nos grupos políticos municipais.

Na exposición de motivos coa que o alcalde xustifica a urxencia de convocar o pleno, alega que <a incerteza da situación creada queda patente no feito de que na comisión informativa de urbanismo, celebrada o 19 de outubro, non se acadou un dictame favorable á proposta que se debatía>.

Para o alcalde de Nigrán, o PXOM <debe contar co consenso maioritario e, preferiblemente, absoluto, dos veciños para cumplir o seu fin de conseguir un desenvolvemento armónico, xusto, equitativo, respetuoso co Medio Ambiente, co Patrimonio e coa singularidade do noso concello, sen máis servidumes que o interés xeral de tódolos veciños e colectivos de Nigrán>.


<Non teño máis interés no PXOM que os intereses xerais de Nigrán>

Según Rodríguez Millares, a retirada do actual documento <pretende evitar a utilización partidista do Plan para que sexa a próxima Corporación Municipal, xurdida da vontade libre e democraticamente expresada nas próximas eleccións municipais, a que, nun clima de sosego e participación cidadá, decida a ordeación urbanística de Nigrán>..

O alcalde de Nigrán sinala tamén que <non teño máis interese no PXOM que os intereses xerais do pobo de Nigrán> e considera que un documento de tanta trascendencia para o concello <non pode estar sometido a usos partidistas, intereses particulares, malinterpretacións, informacións sesgadas, falsas ou tendenciosas, senón a un clima de concordia e serenidade>.


Nigrán, 23 de outubro de 2006
Gabinete de Prensa