Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán Salvemos Monteferro contentos polos avances na figura de protección

Salvemos Monteferro contentos polos avances na figura de protección

Correo-e Imprimir PDF
Comunicado de Salvemos Monteferro:

"Durante estas últimas intensas semanas vividas en Nigrán, Salvemos Monteferro participou activamente na mobilización cidadá contra a especulación urbanística e a corrupción política, colaborando desde o primeiro momento coas asociacións veciñais. E así seguimos.

Non por iso deixamos de atender as actuacións que tiñamos previstas para a defensa de Monteferro, principalmente no que se refire ó proxecto de asfaltado do monte. ..

Porque debemos distinguir aquí entre as dúas ameazas que pesan sobre este contorno. Se por unha banda a aprobación deste Plan Xeral sería catastrófica para o monte, pola outra, debemos recordar que o proxecto de vial perpetrado polo Concello e a Deputación, é anterior e independente ó deostado PXOM.

Por iso, nestes días, mantivemos novos contactos coa Delegación de Medio Rural e entregamos copias das case 10.000 firmas recollidas contra o citado proxecto, tanto na Deputación Provincial de Pontevedra, como na Delegación da Consellería de Política Territorial.

Presentamos escritos, xuridicamente fundamentados, enunciando as ilegalidades nas que incorrería dita actuación, en catro organismos da Xunta de Galicia, pedindo a apertura de expedientes informativos e de investigación do proxecto, vixilancia sobre as actuacións, adopción de medidas cautelares, e outras. Solicitamos igualmente se teña a esta Plataforma Salvemos Monteferro por parte interesada nos procedementos e expedientes abertos.

Completamos tamén o ciclo de entrevistas cos delegados e coa delegada das Consellerías con competencias no asunto (Medio Ambiente, Medio Rural e Política Territorial) De todas e cada unha delas obtivemos moi boas impresións, sendo na última, a de Política Territorial, onde, ademais de asegurarnos a súa total oposición á execución do proxecto, se nos prometeu que antes de rematar o ano, Monteferro terá unha figura de protección xurídica, dentro da anunciada Lei de Protección da Paisaxe e do Plan de Protección Integral do Litoral.

As recentes declaracións do Delegado en Pontevedra da Consellería de Medio Rural énchennos de esperanza, no sentido de que Monteferro non vai sufrir os atentados que Deputación, Alcalde de Nigrán e Comunidade de Montes viñan tramando. 




 Máis información www.salvemosmonteferro.org