Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán Monteferro: crónica dunha especulación anunciada

Monteferro: crónica dunha especulación anunciada

Correo-e Imprimir PDF
  • Anterior
  • 1 of 2
  • Seguinte
Publicado en Vieiros.com
Co ensanchamento, asfaltado e "acondicionamento" do vial de Monteferro (Nigrán) ábrese a porta á urbanización e á especulación inmobiliaria nun entorno de grande valor paisaxístico, un dos poucos redutos naturais que quedan nunha costa moi alterada. Actuacións coma esta fan urxente unha moratoria para este tipo de actuacións urbanísticas e recalificacións no litoral, se non queremos reproducir en Galiza o modelo da costa mediterránea.

Ligazóns relacionadas: Salvemos Monteferro O proxecto consiste no ensanchamento do vial existente, convertíndoo nunha pista de 10 m e sentido único, até unha gran rotonda de 30m e de aí ao cumio de Monteferro. Dende este ponto, asfáltase tamén unha pista forestal pola ladeira sur até a rotonda, e desta ao camiño de Portocelo. Aliás, o proxecto inclúe a construcción de dous miradores e a urbanización (auga, canalizacións, farolas, mobiliario) de todo o treito.
O proxecto foi xa adxudicado pola Deputación de Pontevedra en setembro de 2005. Os integrantes da plataforma "Salvemos Monteferro", amosan a súa preocupación, aliás polo vial que se pretende construir, xa de por sí unha verdadeira aberración e un atentado contra o entorno natural, por que esta obra moi probábelmente vai ser o primeiro paso cara a urbanización de Monteferro.

A Plataforma "Salvemos Monteferro" denuncia tamén que se está a desenvolver unha verdadeira mafia especulativa ao redor do proxecto (queima de coches e malleiras á xente que defende este entorno natural). Aliás, as recentes talas levadas a cabo e a intención do concello de Nigrán de recalificar este chan rústico protexido no novo PXOM, fan obvio o interese urbanístico e especulativo neste anaco de paraíso.

Dende ADEGA solidarizámonos cos membros da Plataforma e demandamos das administracións competentes, nomeadamente do Presidente da Xunta, que faga xa efeitiva unha moratoria para este tipo de actuacións na costa mentres non se ultima o prometido Plano Territorial Integrado do Litoral para protexer os valores naturais da nosa costa, garantir o seu aproveitamento sostíbel e evitar o "desmadre" urbanístico.

Salvemos Monteferro