Xoves, 28 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar O Valedor do Pobo intima ao Concello de Gondomar para que responda pola seguridade vial dos escolares de Peitieiros.

O Valedor do Pobo intima ao Concello de Gondomar para que responda pola seguridade vial dos escolares de Peitieiros.

Correo-e Imprimir PDF
peroleira

O Valedor do Pobo entende que as autoridades de Gondomar incumpren a súa obriga de garantir a seguridade vial dos alumnos do CEP de Neira Vilas de Peitieiros. Nomeadamente, comunicáronlle o pasado 13 de agosto de 2012, que abrirían unha investigación ante a ausencia da Policía Local nas horas de saída para ordenar o tráfico da zona . O organismo manifesta a súa preocupación pola localización do paso de peóns que os cativos deben cruzar para achegarse ao transporte escolar, situado "nas proximidades dunha curva con reducida visibilidade". Tras pasar os prazo de 15 días que outorga a lei para que o Concello dera unha resposta, o pasado 13 de xaneiro o Valedor do Pobo volveu a requirir unha resposta das autoridades locais.


Pola súa banda, os pais e nais agrupados na ANPA do colexio emitiron un comunicado no que denuncian que o Concello de Gondomar "desoe o Valedor do Pobo e non actúa para evitar o atropelo de escolares á saída do colexio".
Agregan que tras a denuncia feita na prensa no pasado mes de outubro, o Concello reaccionou enviando a Policía Local durante algúns días para cortar o tráfico á saída do colexio. Non obstante, despois duns días, a situación volveu á "normalidade", é dicir, "a Policía deixou de acudir ao colexio e o profesorado e as familias víronse de novo na necesidade de cortar o tráfico polos seus propios medios para evitar atropelos nunha estrada perigosa".
O coñecemento desta situación pola opinión pública provocou que o Valedor do Pobo actuase de oficio, requiríndolle ao Concello de Gondomar de maneira inmediata un informe detallado sobre a situación e, en particular, sobre as medidas de seguridade adoptadas polo Concello para garantir o tránsito do alumnado pola estrada. Pero, segundo a ANPA, "o desleixo do goberno municipal de Gondomar é tal que, a día de hoxe, tres meses máis tarde, aínda non lle remitiu ao Valedor do Pobo o informe solicitado, tal como consta na carta recibida pola ANPA dende a Oficina do Valedor a pasada semana".
Denuncian que a pesar das reiteradas demandas de solución, tanto por parte tanto da ANPA coma da propia Dirección do Colexio, "o Concello continúa facendo caso omiso da súa obriga cara ao alumnado do Centro. Máis unha vez, a ANPA esixe que se solucione esta situación antes de que haxa que lamentar unha desgraza".