Domingo, 28 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar Os profesores e pais do Colexio Neira Vilas obrigados a controlar o tráfico ante a ausencia policial.

Os profesores e pais do Colexio Neira Vilas obrigados a controlar o tráfico ante a ausencia policial.

Correo-e Imprimir PDF
Foto-Nota-prensa-ANPA-out-2

-A ANPA e a Dirección do Colexio aseguran ter denunciado esta situación en numerosas ocasións, sen por agora ter resposta do Concello de Gondomar, que continúa sen enviar a Policía Local ao centro escolar para controlar o tráfico no horario de saída do alumnado.

A Asociación de Nais e Pais do Colexio Xosé Neira Vilas de Peitieiros denuncia que o Concello de Gondomar “non cumpre a súa obriga de garantir a seguridade viaria do alumnado do colexio público de Peitieiros”. Afirman que no que vai do curso, a Policía Local “aínda non se personou ningún día no colexio á hora da saída do alumnado”.

Reclaman a presenza da Policía Local para cortar o tráfico e garantir que o alumnado poida cruzar a estrada e acceder aos autobuses con seguridade.

Os pais e nais asumen o control do tráfico

Ante a ausencia da policía, o profesorado e as familias vense na obriga de cortar o tráfico polos seus propios medios, para evitar que as crianzas sexan atropeladas polos coches e demais vehículos que circulan pola estrada saíndo dunha curva con escasa visibilidade. Con todo, aseguran que a cotío prodúcense situacións de tensión e potencial perigo, dado que hai condutores que non aceptan deter o vehículo se non llo manda a Policía Local.

Denuncian falla de atención do Concello de Gondomar

A ANPA e a Dirección do Colexio teñen denunciado esta situación en numerosas ocasións, sen por agora ter resposta do Concello, que continúa sen enviar a Policía Local ao Centro escolar no horario de saída do alumnado. A ANPA considera que esta actitude constitúe un “incumprimento moi grave” da obriga que ten o Concello de garantir a seguridade do alumnado e esixe “que se solucione esta situación antes de que haxa que lamentar unha desgraza”.

O BNG presentará escrito á alcaldía

O BNG anuncia que vai presentar un escrito dirixido ao alcalde para que a Comisión de Goberno adopte a decisión de incluír entre as funcións da policía local de Gondomar a vixilancia do alumnado na saída dos centros escolares que o precisen, a comezar polo CEP Neira Vilas de Peitieiros.

Os nacionalistas lembran as obrigas das administracións en materia de seguridade.

O BNG salienta que a seguridade nas zonas de embarque para o alumnado transportado “son responsabilidade das Administración educativas en exclusiva, tanto a autonómica, como a local”. Nese senso lembran que no momento de se construír o centro, “a Xunta de Galiza, a Deputación de Pontevedra como titular da estrada e o Concello deberon establecer as zonas de aparcamento dos autobuses para que, de xeito seguro, o alumnado puidese embarcar e desembarcar”.

Nembargante a agrupación denuncia que non se estableceron esas zonas de embarque, “talvez considerando que sempre estaría presente a policía local para velar pola seguridade do alumnado”.

Insisten en que a seguridade do alumnado fóra do centro educativo, “é competencia exclusiva do Concello, e que non lle corresponde ao profesorado do centro substituír a policía local”. Ademais, sinalan que o Concello recibiu propostas concretas “das veciñas e veciños de Peitieiros en que se recollían alternativas á presenza da policía local: instalación de semáforos e sinalización vertical, desvío pola vía alternativa que discorre polo barrio da Gándara, mais o Concello nin estudou esas propostas, nin envía a policía local”.