Xoves, 28 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar BNG Gondomar solicita o rexeitamento do anteproxecto da Lei do Aborto

BNG Gondomar solicita o rexeitamento do anteproxecto da Lei do Aborto

Correo-e Imprimir PDF
Alberto Ruiz-Gallardon

O BNG solicitará no próximo Pleno do Concello de Gondomar o rexeitamento do anteproxecto da Lei do aborto aprobada polo Consello de Ministros o pasado 20 de decembro.

Os nacionalistas popoñen a paralización inmediata da lei e que se inste á Xunta de Galicia a que demande do goberno do Estado (e ao Ministro de Xustiza) a manter e aplicar a Lei orgánica 2/2010, de 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo.

 

Na mesma moción o BNG propón tamén instar á Xunta de Galicia a pór en marcha as medidas necesarias para garantir que en todas as áreas sanitarias dos hospitais públicos galegos atendan a demanda existente cos medios propios, coa finalidade de garantir a igualdade no acceso a esta prestación. Por outra banda solicitan garantir que a información que reciben as mulleres con carácter previo ao consentimento da interrupción voluntaria do embarazo sexa obxectiva eliminando as referencias á Red Madre

O BNG tamén solicita na súa moción instar á Xunta de Galicia a posta en marcha dunha campaña de formación e información sobre métodos anticonceptivos, fundamental para evitar embarazos non desexados e prácticas sexuais de risco así como a posta en marcha doutra campaña institucional de información e divulgación sobre a Lei orgánica 2/2010, do 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo, en que se informe ás mulleres dos recursos cos que contan para interromperen voluntariamente o embarazo e en que se transmitan mensaxes contra a modificación desta lei.

O BNG entende que a aprobación desta moción é necesaria e urxente, "para que non se produza o retroceso que se pretende desde o PP ao presentar esta lei, un retroceso que vulnera dereitos consolidados das mulleres no referido á súa saúde sexual e reprodutiva. Baixo premisas falsas e mentiras sobre o que se estabelece na actual lei, a nova normativa impulsada polo Ministro de Xustiza pretende aplicar o programa ideolóxico dos grupos ultra relixiosos que se opoñen aos dereitos das mulleres. "

O BNG xa presentou esta mesma moción en varios concellos galegos que sairon adiante mesmo co apoio de concelleiros do PP.