-O recorte sanitario chega a Gondomar . O novo orzamento da Xunta para o centro de saúde local rebaixa en máis dun millón de euros o convenio asinado en 2009 e remata sendo 600 mil euros inferior ao anunciado pola propia administración Feijoo en xullo de 2012.
-A nova cifra pon en dúbida as futuras infraestruturas que albergará o centro sanitario, que xa co anuncio da Xunta en 2012 baixaba nun 43% a superficie útil en comparación á proxectada en 2009 polo alcalde Antonio Araúxo e o goberno autonómico.
A Xunta de Galicia dispoñerá só de 1.138.305€ para a construción do futuro centro de saúde na Rúa das Ánimas en Gondomar. Unha cifra case dous veces menor ca prevista polo SERGAS no anteproxecto asinado no ano 2009 coa administración local, daquela dirixida polo nacionalista Antonio Araúxo. Os cinco edís non adscritos (actualmente vinculados a ANOVA) presentarán unha moción no pleno de Gondomar instando á alcaldía a "que se dirixa á Consellaría de Sanidade da Xunta de Galicia e ao SERGAS, co obxecto de solicitarlle que o proxecto e a construción do novo centro de saúde de Gondomar, non sufra recorte ningún, e como mínimo manteña as superficies e os servizos recollidos no anteproxecto do ano 2009-2010".
Recorte sanitario: A Xunta rebaixa en un millón de euros o orzamento previsto en 2009.
A cifra, incluída nos novos orzamentos autonómicos para o 2013, rebaixa en máis dun millón de euros o establecido no ano 2009 para execución material da obra (2.155.200€), e case en dous millóns do orzamento de licitación (3.128.057,28€) convido daquela pola Xunta do goberno bipartito e a administración local dirixida por Antonio Araúxo. De feito, o actual orzamento que finalmente destinará a Xunta diminúe en 600 mil euros o anunciado en xullo do ano pasado cando falábase dunha inversión de 1.7 millóns de euros para o novo centro.
O novo proxecto reduce 800 m2 de construción útil.
O anteproxecto que asinara o ex alcalde Antonio Araúxo no 2009 co SERGAS, prevía a construción de 2.128,15m2 e a unha superficie útil de 1.831,95m2, segundo sinala a memoria do edificio redactada polo estudo vigués dos arquitectos Guadalupe Piñera Manso e Jesús Irisarri Castro. Unha infraestrutura que albergaría a oito médicos de cabeceira, dous pediatras e unha matrona.
"Resulta evidente que o novo proxecto será reducido en superficies e prestacións de maneira proporcional ao recorte económico producido" sinalou este xoves Antonio Araúxo, preocupado polo futuro do centro sanitario.
De feito, en agosto de 2012, un estudo dos anteproxectos que manexaba o SERGAS, feito por Esquerda Unida de Gondomar, denunciaba que a superficie útil do centro de saúde local diminuiría nun 43%, pasando dos 1.832 previstos en 2009 a 1.039 metros cadrados de superficie útil construída. En base a esta infraestrutura, EU sinalaba que en "Gondomar vaise a construír 6 consultas menos, unha de pediatría, dúas de medicina xeral e tres de enfermería".
ANOVA defenderá o mantemento dos servizos previstos orixinalmente no pleno de febreiro.
O concelleiro Araúxo opina que o aumento demográfico de Gondomar fixera necesaria esta nova obra no 2009, porque o actual centro sobre a Rúa Portugal quedaba pequeno para unha poboación real próxima ás 16 mil persoas que habitan o municipio.
"Polo tanto, non tería sentido nin se entendería pola cidadanía, a construción dun novo centro de saúde máis pequeno ou igual co actual, con todo o que iso conleva de renunciar a novas consultas médicas, de enfermería, de pediatría, dun espazo axeitado para as extraccións de sangue, para almacéns, etc . Por iso ímoslle propoñer ao Pleno o seguinte acordo", sinalou Araúxo.
O Pleno municipal terá lugar o vindeiro xoves 7 de xaneiro no Auditorio Municipal Lois Tobío.