Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar O pleno de Gondomar debaterá a anulación de tres licenzas urbanísticas.

O pleno de Gondomar debaterá a anulación de tres licenzas urbanísticas.

Correo-e Imprimir PDF

Tres licenzas urbanísticas serán revisadas no pleno municipal deste xoves en Gondomar. Unha por decisión xudicial. Outra por erros administrativos na súa tramitación. A terceira por pertencer ao grupo de permisos outorgados con informes externos durante o mandato do ex rexedor Martín Urgal, cando as técnicas municipais foron afastadas do seus cometidos en materia urbanística. Esta última podería implicar o peche dun local hostaleiro que leva un mes en funcionamento.

Os casos foron presentados pola alcaldía na reunión informativa do pleno celebrada o pasado venres. Segundo informaron asistentes á mesma a Valminor.info, no caso do local hostaleiro, trataríase do bar tapería situado na Rúa Otero Pedrayo Nª 5, baixo. O mesmo conta cun permiso de obra e de actividade concedido polo Concello por mor dun informe externo do avogado Martínez Torea. Documento que forma parte dos máis de 50 que tramita para a súa anulación a Fiscalía no Xulgado Nº4 de Vigo, por entender que foran tramitados de forma "irregular", sen a participación das técnicas municipais encargadas do control xurídico dos mesmos.

Antecedentes

Os propietarios do local hostaleiro formularon unha solicitude del licenza de obra, actividade e apertura do bar o pasado 30 de novembro de 2010. A mesma foi concedida polo Concello de Gondomar baseado nun informe xurídico externo do avogado José Martínez Torea. A resolución advertía que a licenza de actividade quedaba supeditada á verificación dos Servizos Técnicos Municipais, unha vez rematados os traballos.

A obra foi denunciada en reiteradas ocacións pola xunta de veciños do edificio sobre o que se atopa o devandito bar. Denuncias que nunca lograron nin deter a obra nin o inicio das actividades do local a principios do pasado mes de decembro.

O pasado 3 de decembro, Valminor.info consultou ao alcalde sobre a situación dos reclamos presentados polos veciños, así como sobre a existencia dun informe final dos técnicos municipais (arquitecto) coas súas conclusións sobre o remate da obra. O alcalde afirmou que o devandito informe xa estaba no seu escritorio e que era de xeito favorable, o que daría cumprimento aos requisitos para o permiso de inicio de actividade.

Novamente consultado sobre a posibilidade de que a xunta de veciños do edificio presentase un reclamo ao Concello, xa que contaban cun informe profesional que demostraba que as obras non se correspondían co proxecto orixinal do permiso, Gutián afirmara que sería un problema a resolver nese caso pola xustiza.

Finalemente terá que ser a corporación municipal a que resolva a validez ou anulación da licenza. Non por mor da acumulación de denuncias feitas polos veciños do edificio, se non pola decisión das técnicas de urbanismo.