Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar Traballadores de Islas Industries (A Pasaxe) manteñen garda ás portas da empresa e reclaman salarios

Traballadores de Islas Industries (A Pasaxe) manteñen garda ás portas da empresa e reclaman salarios

Correo-e Imprimir PDF
Os traballadores protestaron hoxe diante da vivenda familiar do empresario.

-Os traballadores de Islas Industries reclaman diante da casa do propietario en Vigo unha solución para a empresa.

-O cadro de persoal, que ten varias mensualidades pendentes de cobro, manterá o venres a primeira reunión co administrador concursal.

Arredor de medio cento de traballadores da empresa Islas Montajes y Talleres protagonizaron esta mañá un acto de protesta diante da vivenda familiar do propietario. Os operarios reclaman unha solución ao conflito laboral que os mantén sen cobrar varias mensualidades. Entre mentres realízanse quenda facendo garda ás portas da compañía no polígono A Pasaxe, en Gondomar, para evitar a saída de material. Os afectados, que este venres terán a primeira xuntanza co administrador concursal, percorreron parte da rúa Cantabria de Vigo en manifestación e concentráronse diante da casa para esixir o pago das débedas que o empresario mantén con eles.

En concreto, os traballadores reclaman a nómina de agosto, parte da de setembro e unha paga extra. “O único que sabemos é que o 15 de decembro volve parte da xente do ERE temporal e aínda non temos unha solución”, critica Manolo Simón, secretario comarcal da CIG-Metal de Vigo e traballador da compañía do grupo Islas Industries. Simón explica que o obxectivo é saber o que vai suceder coas 97 persoas afectadas, xa que “o empresario dixo que falaría con nós pero volveu marchar para Dubai”. En consecuencia, adianta que as mobilizacións continuarán nos vindeiros días.

A manifestación partiu pasadas as 11.00 horas das inmediacións da oficina de Seragua na rúa Cantabria e percorreu os escasos metros que separan a zona da vivenda familiar do propietario de Islas Industries. Na cabeceira, unha faixa na que se podía ler: “J. Antonio Silva M. Fundiche Islas. 97 familias á rúa”. Unha vez diante da casa permaneceron concentrados até as 12.00 horas. Paralelamente, continúan facendo garda ás portas da empresa no polígono da Pasaxe para evitar a saída de material.