Sábado, 18 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar O Alcalde Fernando Guitián e a delegada da Xunta Lucía Molares visitaron o CEIP Chano Piñeiro.

O Alcalde Fernando Guitián e a delegada da Xunta Lucía Molares visitaron o CEIP Chano Piñeiro.

Correo-e Imprimir PDF
Fernando Guitián, Lucía Molares e mais autoridades do CEIP Chano Piñeiro e do Concello de Gondomar

Posteriormente, a delegada territorial da Xunta trasladouse ata o Concello de Gondomar para manter un primeiro encontro institucional co rexedor, Fernando Guitián, tras a formalización da nova Corporación municipal.

Comprobaron as obras de reparación da cuberta do CEIP Chano Piñeiro, no que a Xunta de Galicia investiu en total máis de 1 millón de euros na reforma e ampliación do centro.

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Lucía Molares, e o alcalde de Gondomar, Fernando Guitián, visitaron na mañá deste mércores 20, as obras de reparación da cuberta do CEIP Chano Piñeiro. A obra fora reclamada pola dirección e a ANPA do devandito instituto a comezos deste ano por mor da existencia de goteiras nos baños do 1º andar nunha obra que non tiña un ano de feita. Segundo información aportada dende a Xunta, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria investiu case 59.000 euros nesta intervención, e cuxa actuación se suma ás obras de ampliación e reforma do centro educativo que se remataron no pasado curso escolar e que contaron cun custe de inversión total que superou 1 millón de euros.

A representante do Goberno galego na área comprobou esta mañá a finalización da obra e lembrou que os traballos de reposición da cuberta foron necesarios polos problemas de filtracións existentes nos días de choiva. Recordou que foron adxudicados no mes de abril, rematando así hai unhas semanas. Molares destacou que a obra de reforma e ampliación do centro supuxo un “importante investimento” levado a cabo pola Consellería de Educación.

O centro escolar –que segundo a estimación oficial pode acoller ata a 450 alumnos e alumnas- conta agora cunha superficie total construída de 1.255,21 metros cadrados, dotouse de comedor para máis de 70 nenos e nenas así coma de diversas aulas para educación infantil e informática. Ademais, está comunicado mediante unha galería de acceso ao edificio principal e renovouse a pista polideportiva descuberta da parte posterior do centro. Esta actuación, unida á reparación da cuberta que se realizou recentemente, superou en total o millón de euros de investimento, informaron dende a delegación.

Encontro institucional

Posteriormente á visita ás obras do CEIP Chano Piñeiro, a delegada trasladouse ata a Casa do Concello para manter un primeiro encontro institucional co alcalde de Gondomar, Fernando Guitián, logo da formalización da nova Corporación municipal.

Molares e Guitián repasaron os principais proxectos pendentes no municipio que nestes momentos están enriba da mesa do Goberno galego, e a representante da Xunta na área transmitiulle todo o apoio, colaboración e coordinación da Administración autonómica á nova etapa municipal que afronta o novo rexedor co fin de resolver as demandas dos veciños e veciñas do municipio do Val Miñor.

Así, entre outros temas, delegada e rexedor repasaron a situación do Plan Especial de Reforma Interior do Polígono Industrial de A Pasaxe –aprobado polo Consello da Xunta no mes de maio e que conta cun investimento de 27,6 millóns de euros- ou a recente publicación no DOG da licitación -por preto de 3,5 millóns de euros- das obras de mellora da rede de colectores de Gondomar, pola que se quere evitar verteduras aos ríos Zamáns e Miñor. Ademais, tamén trataron a situación actual do PXOM de Gondomar, diversas actuacións que xa están en marcha en materia de seguridade viaria e de abastecemento e saneamento así coma o proceso administrativo no que se atopa o proxecto do futuro Centro de Saúde de Gondomar.

 

Por último, e no ámbito da Consellería de Traballo e Benestar, a delegada informou a Guitián que neste ano 2011 a Xunta destinou máis de 480.000 euros a políticas activas de emprego –entre plans de cooperación e Accións Formativas para Desempregados (cursos AFD)- que beneficiarán a unhas 70 persoas que nestes momentos se atopan en paro. E neste senso, recordoulle que o Concello de Gondomar recibiu nos últimos anos 2009 e 2010 máis de 1,3 millóns de euros por este mesmo concepto co obxectivo de ofrecerlle formación e emprego a case 200 persoas desempregadas.