Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar O bipartito de Gondomar aproba a proposta de organización levada a pleno coa crítica da oposición.

O bipartito de Gondomar aproba a proposta de organización levada a pleno coa crítica da oposición.

Correo-e Imprimir PDF
concello_escudo_vidrio

O alcalde Fernando Guitián apoiado pola alianza bipartita no goberno (PP-CDL) sacou adiante a súa proposta en materia organizativa de cara a seu mandato. Ademais do soldo do alcalde, o equipo de goberno contará cunha dedicación exclusiva, catro medias dedicacións e a contratación dunha secretaria persoal do alcalde o que requirirá duns 260.000€ ao ano ás arcas municipais en materia de retribucións de cargos políticos. Os tres grupos da oposición (BNG, PSOE e IXG), cuestionaron a proposta do bipartito por entenderlla "desmedida" para un municipio das características de Gondomar, "inapropiada" de cara a crise nacional e contraria ao principio de austeridade no gasto anunciado polo alcalde o día da súa investidura. Para Guitián, "as persoas que fan un traballo deben cobralo" e asegurou que as dedicacións permitirán practicar con "eficiencia" e "efectividade" a austeridade nas contas municipais.

Os socialistas denuncian violación do principio de Información por parte do goberno.

No transcurso do debate, o portavoz do PSOE, Francisco Ferreira protestou pola falla de información do seu grupo municipal sobre parte da proposta organizativa do goberno. Ferreira sinalou que varios informes relativos ás dedicacións foron  incluídos na carpeta de documentos do pleno de forma posterior á entrega das copias da mesma aos grupos municipais. Os socialistas denunciaron unha "violación do principio de Información" e preguntaron pola persoa responsable de custodiar e dar conta dos contidos da devandita carpeta.  Finalmente fixo unha moción na que solicita "deixar sobre a mesa" a votación das dedicacións polas observacións feitas. O alcalde admitiu o erro e informou que a responsable da custodia era a Secretaria Municipal, pero que asumía persoalmente a responsabilidade, prometendo evitar ese tipo de situacións a futuro. O rexedor puxo a votación a moción socialista que resultou rexeitada polos 9 votos do bipartito, 1 abstencións do IXG e votada favorablemente só polos 5 concelleiros do BNG e mais ous 2 do PSOE.

O BNG entende que o goberno aumenta nun 30% a partida de dedicacións por riba do anterior mandato.

O portavoz do BNG, Pauliño Del Río argumentou o voto negativo do nacionalismo á proposta do goberno no feito de que nun concello que mantén unha débeda de 2.5 millóns de euros cos provedores non se debe aumentar o capítulo de dedicacións  case nun 30% co respecto ao goberno anterior. Os nacionalistas tamén denunciaron a falla de discusión nesta reunión das cantidades a percibir polos edís nos órganos colexiados, especialmente nos plenos. O BNG entende que a pesar de que o goberno anuncie que non se inclúe porque se manteñen as mesmas contidas no último orzamento, cada nova corporación debe decidir sobre ese punto. Del Río salientou que trátase dun tema "político" e non "técnico orzamentario", polo cal foi un erro non incluílo na orde do día.

O alcalde Guitián respondeu que o aumento da partida das dedicacións será compensada coa diminución das destinadas aos emolumentos a percibir pola participación nos órganos colexiados. O rexedor informou que os concelleiros de goberno que ten dedicacións exclusivas ous parciais non cobraran por participar en plenos, comisións ou xuntas de goberno. Argumento que non foi aprobado polos nacionalistas que desafiaron ao goberno a facer as contas para demostrarlle que neste mandato se gastará máis que no anterior goberno. Por último, o Bloque tamén denunciou a inclusión tardía de cara ao pleno, de documentación sobre este punto por parte do goberno.

IXG demostra que en materia de retribucións políticas se gastará máis de 260.000€ anuais.

O concelleiro Manuel Gómez salientou no debate que "son moitas dedicacións para un concello como o de Gondomar". Gómez expresou que cando se prepara unha candidatura debe pensarse "que lle podo dar a Gondomar?" e non "que me pode dar a min?". Para o edil independente o goberno soluciona coas dedicacións un problema de situación de paro de algúns dos seus concelleiros pero "o Concello non está para iso" afirmou.

Gomez informou que no goberno de Urgal (que integrou en condición de non adscrito), só se necesitaron tres dedicacións exclusivas para gobernar, das cales unha só foi por sete meses. Gómez afirmou que trátase do goberno máis caro da historia de Gondomar.

O grupo independente fundamentou a súa postura nun cálculo onde agrega aos 201,684,40€ declarados polo goberno como "salarios brutos" no corre dun ano, o 32,55% que por mor "cuota empresa" que debe pagar a administración, elevan a cifra total a pagar polas arcas municipais a 267.335,32 €. A cota de empresa inclúe sobre o salario bruto un 23,60% por continxencias comúns, 6,70% por desemprego, 0,60% para formación profesional, 1,65% por accidentes de traballo o que totaliza o devandito 32,55%.  Nembargante, IXG non votou encontra da proposta de goberno e marcou unha abstención. Cadro de dedicacións e retribucións elaborado por IXG a partir dos datos presentados polo goberno:

CARGO

IMPORTE €

IMPORTE Ptas.

 

 

 

ALCALDE

48.686,40 €

8.100.735

2ª TENENTE ALCALDE

35.000,00 €

5.823.510

CONCELLEIRO DE URBANISMO

21.000,00 €

3.494.106

CONCELLEIRA DE EDUCACIÓN

21.000,00 €

3.494.106

CONCELLEIRO DE VÍAS E OBRAS

21.000,00 €

3.494.106

CONCELLEIRO DE SERVIZOS

21.000,00 €

3.494.106

SECRETARIO/A ALCALDE*

34.000,00 €

5.657.124

SALARIOS BRUTOS

201.686,40 €

33.557.793

CUOTA EMPRESA 32,55%

65.648,92 €

10.923.062

CUSTE TOTAL AO CONCELLO

267.335,32 €

44.480.855

 

*No informe de IXG advírtese que pode haber un erro, "cicais sexa un pouco menos".