Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar O PP Gondomar omitiu constituírse formalmente como agrupación municipal no pleno da corporación.

O PP Gondomar omitiu constituírse formalmente como agrupación municipal no pleno da corporación.

Correo-e Imprimir PDF

O Partido Popular non se constituíu formalmente como agrupación municipal no Concello de Gondomar. A omisión detectada polo BNG, deixa segundo o manifestado polo seu portavoz Pauliño Del Río, unha primeira pega de non cumprimento das formas e as obrigas legais por parte do partido de goberno. Os nacionalistas entenderon que a falta non é menor e solicitaron "deixar sobre a mesa" a decisión da integración dos órganos colexiados, os que se constitúen en base á representación dos grupos municipais constituídos na corporación. O punto era parte substancial da orde do día do pleno organizativo da corporación que se estaba a celebrar. A moción foi acompañada polos dous concelleiros do PSOE, pero finalmente foi desestimada pola maioría absoluta do bipartito gobernante (PP-CDL). Pola súa banda, o Alcalde Fernando Guitián admitiu o erro, pero valorou que coa "intención de formar agrupación" chegaba, e que a omisión formal non invalida a existencia dun grupo nos feitos do PP. Ao mesmo tempo sinalou que tampouco constituía unha ilegalidade que impedira continuar coa orde do día.

A omisión foi detectada polo Bloque Nacionalista Galego que así o fixo saber ao pleno municipal reunido na tarde de hoxe. Pauliño Del Río, portavoz dos nacionalistas, no comezo da sesión denunciou que tódolos partidos políticos habían cumprido a normativa referente ao punto, ingresando en tempo e forma no Rexistro Municipal unha nota asinada pola totalidade dos concelleiros de cada agrupación. Na mesma manifestábase expresamente a vontade de constituírse en grupo municipal e na que se designaba o portavoz do mesmo. Formalidade que non cumpriu o PP a pesar de que o propia alcalde Fernando Guitián remitiu unha circular a tódolos grupos indicando o deber dos mesmos de cubrir tal requisito.

Cando sobre a fin de semana pasada os representantes dos grupos políticos retiraron as carpetas coa documentación relativa ao pleno de organización do goberno de Gondomar, atoparon que a nota constitutiva da agrupación do PP non estaba. Sen embargo, nunha consulta de última hora do portavoz nacionalista á carpeta documental do pleno que custodia o Concello, atopou unha nota dos populares na que "cumprían" o requisito de comunicar a súa constitución, pero sen pasar polo Rexistro Municipal no tempo e forma requirida.

Mentres que para os nacionalistas por mor desta falta a corporación pode adoecer dalgún tipo de "ilegalidade" a futuro, a alcaldía, asesorado pola Secretaria Municipal, sostén que é perfectamente solucionable e non terá consecuencias de ningún tipo. O portavoz, do BNG, Pauliño Del Río, anunciou no transcurso do pleno que a súa agrupación reservase o dereito de tomar accións a futuro.