Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar O Pleno organizativo de Gondomar será o vindeiro mércores13 ás 13 horas na Casa da Cultura.

O Pleno organizativo de Gondomar será o vindeiro mércores13 ás 13 horas na Casa da Cultura.

Correo-e Imprimir PDF
A Casa da Cultura de Gondomar volve a acoller aos plenos municipais.

O vindeiro mércores 13 de xullo a corporación municipal de Gondomar votará as propostas da alcaldía referentes á estrutura e integración dos diferentes órganos de goberno. Na xuntanza que terá carácter de pleno extraordinario organizativo, o alcalde Fernando Guitián, tamén porá a votación as propostas da alcaldía en materia de retribucións polas dedicacións exclusiva e parciais dos concelleiros de goberno, nas que leva traballando dende a súa investidura co seu equipo e mais a Intervención municipal. Unha das sorpresas que levouse a oposición foi a citación do pleno ás 13 horas, xa que se entendía que se buscaría un horario pola tardiña que permitise unha maior afluencia de veciños ao mesmo. Outra novidade en materia de plenos é que se abandona o Auditorio Lois Tobío e as xuntanzas retornan ao Salón de Actos do 2º andar da Casa da Cultura.

Unha orde do día de 12 puntos organizará a primeira rolda de debates e votacións da que tomarán parte as novas agrupacións municipais xurdidas das eleccións de maio. No comezo do seu mandato, o alcalde popular Fernando Guitián conta cunha alianza de goberno PP - CDL de 9 concelleiros que lle asegura a maioría absoluta para sacar adiante as súas propostas. Aínda que de momento non se deu a coñecer as listas de dedicacións, por mor do devandito acordo de goberno, Natalia Salgueiro (CDL) recibirá unha das dedicacións exclusivas das poucas que segundo fontes municipais outorgará o goberno por razoes económicas.

Dentro dos puntos a tratar neste pleno extraordinario destácanse ademais dos xa anunciados, a fixación da periodicidade dos plenos, a creación e composición das comisión informativas permanentes, a contratación de persoal eventual, dedicacións exclusivas e parciais dos concelleiros de goberno, a delegación de atribucións plenarias na Xunta de Goberno Local, e os nomeamentos dos futuros representantes do concello nas diferentes corporacións supra municipais , e outros órganos colexiados onde participa a administración.

Dos tres concellos do Val Miñor, o de Gondomar é o derradeiro en celebrar esta sesión organizativa da corporación municipal. As causas deste atraso, segundo informara días a trás o alcalde Guitián, son as dificultades que carrexa a ausencia dun Interventor permanente no concello á hora de efectuar estudos e consultas. A diferenza das administracións de Baiona e Nigrán, dende febreiro de 2011, Gondomar non conta cun Interventor permanente. A persoa que cumpre a devandita función só concorre ao concello un día á semana. A definición da cantidade de dedicacións exclusivas e parciais dos concelleiros, a posibilidades de contratacións eventuais de persoal de confianza así como o montante das retribucións apercibir, necesitaban de estudos e consultas que deberon tramitarse neste contexto.