Xoves, 2 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar Entre berros, aplausos e a retirada dos concelleiros do BNG, saldouse o pleno de Gondomar.

Entre berros, aplausos e a retirada dos concelleiros do BNG, saldouse o pleno de Gondomar.

Correo-e Imprimir PDF
O BNG anbandonou o pleno extraoridinario ante as acusacións de De Lis
O grupo de concelleiros do BNG abandonou o pleno extraordinario de Gondomar, logo de que o 1º Tenente de Alcalde, Alfonso De Lis, efectuara graves acusacións a funcionarios e departamentos do Concello acusándoos de xerar un "clima de crispación" e facer perigar con as súas actuacións a xestión da Concellería de Urbanismo. Paulino del Río (BNG) replicou a De Lis que a súa política era "miserable" atacando nun pleno a persoas que non se poden defender. A executiva do PSOE de Gondomar que estaba no auditorio do pleno, tamén retirouse en actitude de solidariedade cos funcionarios e os representante nacionalistas .

De Lis leu un texto dunhas dez follas como fundamento dos seus pedidos de asesoría legal externa ao letrado José Martínez Torena que foron observados pola Interventora municipal como duplicación de gastos, por entender que estes informes están reservados á Secretaría Xeral, segundo o Real Decreto 1174/87.

No texto, De Lis afirma que "mentres unhas consultas foron avaladas en su día e as pendentes que son de igual índole son obxecto de reparo "a actitude da Interventora é polo menos "paradoxal" e "incongruente".

As acusacións do concelleiro de urbanismo tamén recaeron no Arquitecto municipal1, de quen dixo que os seus permanentes contrainformes contra os criterios da concellería crean inseguridade xurídica, o que obriga a contratación da asesoría letrada externa, ademais responsabilizou ao técnico de xerar un "clima de crispación" en Urbanismo.

Tamén a secretaria do pleno foi criticada por De Lis, ao argumentar que outra das facturas con reparo da Interventora, é consecuencia dunha consulta por un pleno presidido por el mesmo cando non era membro do grupo de goberno. "Ante o mutismo da secretaría e a intervención" do feito e do votado, o concelleiro afirmou que tivo que solicitar o informe xurídico externo para coñecer a validez do actuado.

Rematada a exposición de De Lis, Del Río acusouno de practicar unha "política miserable", ao vir ao pleno a atacar e acusar a funcionarios do Concello, que non teñem a posibilidade de defenderse na sala. A continuación emprazou aos voceiros de tódolos partidos a opinar sobre o dito por De Lis, así como a expresar si estaban ou non de acordo coas acusacións.

No intre no que Del Río fixo a interpelación, o alcalde Martín Urgal, non deu lugar a máis intervencións e pide pasar a votar a moción en discusión. Dende a súa cadeira a concelleira Natalia Salgueiro (PP) pediu o uso da palabra, ante o cal o rexedor local zanxou afirmando "non quero máis debate".

Os xestos de Salgueiro amosaban desconformidade coa decisión de Urgal, e insistiu en que se lle permitise intervir. Pola súa banda o alcalde reiterou a decisión pasar a votar a moción, e novamente a concelleira pidiu a palabra, ante o cal Urgal requeriuna a un cuarto fóra do pleno.

Logo de vinte minutos nos que De Lis, Urgal e Salgueiro discutiron fóra de sala as indicacións a seguir, o pleno retomou a sesión cunha intervención de Manuel Núñez Sestelo (Move Gondomar), quen fundamentou a favor de levantar o reparo da interventora, pero non fixo alusión á pregunta de Del Río acerca de si compartía ou non as acusacións feitas anteriormente por De Lis.

A sala gañaba en murmures e intervencións espontáneas do público, incluídos algúns dirixentes partidarios situados nas butacas do Auditorio Loís Tobío.

Na quenda de Natalia Salgueiro, a concelleira dixo que como portavoz do Partido Popular, entendía que os informes do señor Torea de "algunha maneira beneficiaron ó Concello", que estaban de acordo en levantar o reparo ás facturas, "pero que non nos sumamos ao texto que leu anteriormente o señor De Lis". O auditorio, maioritariamente composto por simpatizantes da oposición, botouse a aplaudir e dar berros de aprobación pola intervención da concelleira.

"Logo de trinta anos de democracia, o que acabamos de oír aquí é inaudito", afirmou Antón Araúxo (BNG). "Isto é unha mostra da caída libre na que está este goberno. Eu díxenlle no anterior pleno (dirixíndose a Urgal) váiase vostede canto antes deste sitio e agora reitérollo ¡váiase vostede canto antes deste sitio!, porque "menudo papelón! menudo papelón! e para iso nos votaron unha moción de censura..."

A intervención de Araúxo rematou cunha pregunta á mesa sobre se o informe de De Lis "que debeu custar uns 3000 euros ao erario público", tamén debe aprobarse. Urgal contestou que se pasaba a votar só a moción emendada pola que se levantaban algúns reparos e outros como a factura da empresa Espina Delfín, quedaban sen levantar.

No intre no que o rexedor deu paso á votación plenaria, a Secretaria Xeral do Concello Nuria Lobato, solicitou a palabra, feito que como secretaria do pleno ten dereito. Urgal responde que non á petición argumentando novamente que non quere máis debate e non da a lugar, motivo que suscita que os concelleiros da oposición e o auditorio comecen a dar voces para que se lle permita a palabra. "Foi aludida", "foi acusada ", din dende tódolos recunchos do auditorio.

O alcalde non deu lugar ao pedido da funcionaria, e pasou a votar a moción que quedaba aprobada polos votos do goberno tripartito.

Antes de pasar ao seguinte punto da orde do día, Paulino del Río solicita unha moción de orden, onde informa que o BNG vai retirarse de sala. "Nos parece un absoluto escándalo o que está pasando aquí e ainda por riba, señor alcalde, vostede lle nega a palabra a quen de forma ventajista a machacou sen darlle a oportunidade de defendese, cunhas acusacións de delito gravísimas. E paréceme mentira que o señor Manolo Núñez que é decano dos funcionarios diga que é cuestión de interpretación."

A retirada dos concelleiros de BNG foi acompañada pola actual executiva do PSOE Gondomar, presidida por Francisco Ferreira, quen declarou a Valminor.info que o facía en solidariedade cos nacionalistas e os funcionarios municipais. Entre berros e aplausos, boa parte do público do auditorio retirouse xunto coa oposición.

Unha vez retirados os concelleiros nacionalistas, o pleno rematou en apenas 15 minutos coa votación favorable do resto dos puntos da orde do día. Entre eles a orde de pagamento á débeda xudicial coa empresa Telhabel, pola non realización da obra da piscina municipal, a posta en marcha dos acordos relativos a adecuación da rede de saneamento no concello e a declaración de dedicación exclusiva da concelleira Natalia Salgueiro.

----------------------------------

1Fe de erro: na Técnica Municipal (17/11/2010 - 23:10 hs.)