Luns, 26 Feb. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Sociedade Análise | Podemos consolídase como primeira forza cara ás xerais mentres o PP segue a caer.

Análise | Podemos consolídase como primeira forza cara ás xerais mentres o PP segue a caer.

Correo-e Imprimir PDF
Podemos na asambleia xeral en Madrid | Imaxe Marta Jara Eldiario.es
Download this file (20141210OMirante.pdf)
  • Anterior
  • 1 of 2
  • Seguinte

Podemos consolídase como primeira forza cara ás xerais mentres o PP segue caendo en intención de voto.

A formación de Pablo Iglesias sería, agora, a máis votada co 24,4% dos votos; o PP, a segunda e o PSOE, a terceira. O BNG obtería o 0,5% dos votos.

Un esquema político con tres grandes forzas e Podemos á cabeza delas. É o panorama que debuxa o informe de O Mirante, o panorama mensual da situación electoral que o consultor e analista Carlos Neira elabora para a Asociación de Medios en Galego. O resultado da análise continuada e conxunta dos estudos estatísticos de ata 25 casas demoscópicas dan como resultado que a formación que encabeza Pablo Iglesias imporíase nunhas eleccións co 26,5% dos votos, medrando algo máis dun punto a respecto da anterior edición do estudo, do pasado mes de novembro.

A través da análise coñecida como "house effects", consistente en abordar as estimacións de voto de cada unha das fontes demoscópicas sen os "nesgos que incorren as cociñas" de cada unha delas, "separando o ruído ou os desvíos debidos á súa metodoloxía ou ás contaminacións ideolóxicas", a conclusión é que nunhas eleccións a Cortes Xerais o PP pasaría a ser segunda forza política do Estado co 24,4%, agudizando a súa caída duns vinte puntos a respecto dos comicios de 2011. O PSOE, pola súa banda, situaríase en terceira posición, retrocedendo tamén un chisco a respecto do anterior estudo e perdendo algo máis de 6 puntos en relación ás últimas xerais.

Alén das tres grandes forzas e da consolidación dunha caste de tripartidismo, os resultados de O Mirante indican tamén tamén unha "maior variabilidade" entre o resto de forzas políticas, máis suxeitas á volatilidade xeral que está a caracterizar o panorama político e tamén á evolución de Podemos, PP e PSOE. Así, IU e UPyD soben ambas unhas décimas, se ben a formación de esquerdas seguiría a estar por baixo do seu rexistro electoral de 2011 e o partido de Rosa Díez, por riba. Mentres, Ciudadanos perde folgos nas súas expectativas de voto, pasando do 3,9% do anterior estudo a un 3,2.

Os outros movementos salientables deste estudo proceden de Catalunya. ERC, cun 2,8% dos votos,  pasa por diante de CiU e consolida o seu medre a respecto dos comicios de 2011 mentres que os converxentes perden case dous puntos a respecto daquela convocatoria. Así, ambas forzas sitúanse nunha situación de empate técnico con número de votos se ben cómpre ter en conta, subliña o autor, que "as enquisas para as xerais aínda non recollen plenamente a recuperación de CiU tras o 9-N", toda vez que nunhas eleccións catalás os de Artur Mas "volverían estar por diante de Esquerra, especialmente en número de escanos".

No que actualmente é o Grupo Mixto no Congreso dos Deputados o BNG conserva o 0,5% de votos que lle outorgaba o anterior estudo -en 2011 tivo o 0,76%-. Amaiur medra levemente ata o 1% e o PNV mantense cun 1,1%. A análise prognostica tamén que Vox lograría un 1,2% dos sufraxios nas súas primeiras eleccións xerais e que a coalición de Compromís-Equo melloraría o seu resultado, pasando do 0,89% de hai tres anos ao 1,1%. A maior parte dos estudos publicados non recollen estimacións de voto para AGE, a coalición que lidera Xosé Manuel Beiras.

O método de análise

A partir do día 10 de cada mes Valminor.info publicará o informe demoscópico de "O Mirante". Unha análise demoscópica realizada polo consultor e analista Carlos Neira Cortizas utilizando o método de análise anglosaxón "house effects" que consiste en abordar as estimacións de voto elaborado por 25 marcas demoscópicas eliminando os nesgos en que incorren, separando o ruído ou os desvíos debidos á súa metodoloxía ou ás contaminacións ideolóxicas do sinal que representa o verdadeiro comportamento do electorado. Colaboración que foi posible grazas a un acordo de colaboración do analista coa Asociación de Medios en Galego.

Entre os fitos de Carlos Neira destacan o feito de ter elaborado unha metodoloxía de mostraxe que anticipou a marxe de vitoria do Partido Ppoopular de Aznar no ano 2000, a enquisa máis certeira nas complicadas eleccións vascas do ano 2001, ou, máis recentemente, ter prognosticado sen necesidade de traballo de campo ningún o resultado das eleccións autonómicas galegas do ano 2012 –maioría absoluta do PPdeG de 41 escanos, e a victoria de AGE sobre o BNG. O seu último logro público foi o de detectar cun modelo de voto estrutural a sobreestimación na que incorreron todas as enquisas publicadas en España do verdadeiro nivel de apoio ao bipartidismo de PP e PSOE nas eleccións europeas do ano 2014. Un traballo que foi de referencia en diferentes medios de prensa a nivel nacional.

A web de Carlos Neira www.calidonia.eu 

Descargar informe completo
Attachments:
File
O Mirante Decembro 2014