Luns, 29 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Sociedade O programa Clara de inserción laboral e mellora da participación social da muller abre inscricións no Val Miñor.

O programa Clara de inserción laboral e mellora da participación social da muller abre inscricións no Val Miñor.

Correo-e Imprimir PDF

-A Mancomunidade do Val Miñor anuncia a apertura de inscricións -cun límite de 25 prazas- para mulleres empadroadas na bisbarra que desexen participar do programa Clara promovido polo Instituto da Muller do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade de España.
-O programa de entre oito e dez meses de duración, abrangue unha serie de actuacións co fin de incrementar a inserción laboral e participación social das asistentes ao proxecto.
- Os criterios que deben reunir as aspirantes a participar no programa veñen determinados polo Instituto da Muller, debendo estar incluídas nalgún dos seguintes colectivos: responsables de núcleos familiares, vítimas de violencia de xénero, inmigrantes e emigrantes retornadas, recluídas, paradas sen titulación, maiores de 45 anos, mulleres con discapacidade e mozas sen cualificación.

A Mancomunidade do Val Miñor anuncia a súa adhesión ao programa CLARA do Instituto da Muller. O mesmo terá por obxectivo a mellora da cualificación para o emprego, "con apoios personalizados que melloren as expectativas e calidade de vida deste colectivo, proporcionándolles maior autonomía e independencia", explica o presidente da Mancomunidade do Val Miñor e alcalde de Nigrán Alberto Valverde.
Criterio de selección e prazas.
O programa está dirixido ás mulleres empadroadas nalgún dos tres municipios da comarca -Baiona, Gondomar e Nigrán- , cun máximo de 25 prazas. Os criterios que deben reunir as aspirantes a participar no programa veñen determinados polo Instituto da Muller, debendo estar incluídas nalgún dos seguintes colectivos: responsables de núcleos familiares, vítimas de violencia de xénero, inmigrantes e emigrantes retornadas, recluídas, paradas sen titulación, maiores de 45 anos, mulleres con discapacidade e mozas sen cualificación.
O proxecto
Para incrementar a empregabilidade, CLARA suscita un itinerario de actuación en dúas fases. Un que abarca o ámbito máis persoal das mulleres participantes, tal como as súas necesidades e demandas, motivación, expectativas ou autoestima; e outra centrada nos aspectos profesionais da mesma, dirixido a promover a inserción laboral tanto por conta allea como por conta propia, adaptada aos nichos de mercado da comarca. "Nesta segunda fase do programa tamén se traballa a procura de emprego e o acompañamento na inserción laboral real", observa Valverde.
Inscricións
A duración estimada do proxecto será de entre oito e dez meses. A primeira fase do proxecto desenvolverase entre setembro e decembro, e a segunda entre xaneiro e xuño, aproximadamente. As inscricións poderán realizarse nos Centros de Información da Muller de Baiona (986 383 081), Gondomar (986 360 224) e Nigrán (986383081), entre os días 26 de agosto e 9 de setembro, ou a través da Mancomunidade do Val Miñor (986 358 472).