Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Economía O PP rexeita reclamarlle ao Estado que anule as multas de Facenda aos emigrantes retornados

O PP rexeita reclamarlle ao Estado que anule as multas de Facenda aos emigrantes retornados

Correo-e Imprimir PDF
© Xunta

Os votos do PP evitaron que saíse adiante a proposta, si apoiada por todos os grupos da oposición, na que se solicitaba que o Parlamento de Galicia reclamase ao Goberno central que quedasen sen efecto as sancións que a Axencia Tributaria vén aplicando a milleiros de xubilados galegos que traballaron na emigración e nas que lle reclama tributar polas súas pensións do estranxeiro desde o ano 2008, malia a falta de información ou mesmo desinformación que denuncian os afectados. Con máis de 20.000 pensionistas afectados en Galicia e unha recadación que supera os 3,5 millóns, o único punto aceptado unanimamente na Comisión de Economía da Cámara foi a que reclama ao Estado unha ampla campaña informativa sobre o proceso tributario á diáspora.

 

Porque mentres AGE e BNG solicitaban que se paralizasen os expedientes sancionadores e que a obriga de declarar se aplique só desde o exercicio 2013 e o PSdeG reclama cando menos que se regularice a súa situación pero que non se lles apliquen intereses de demora nin multa ningunha e se amplíen os prazos, o PP só acepta revisar "caso por caso", que os afectados "paguen o que teñan que pagar, incluíndo os intereses de demora" e que, en todo caso, se lles dea máis flexibilidade. O contrario, en palabras do voceiro popular, Pedro Puy, suporía "unha inxustiza" cos que si declararon as pensións do estranxeiro, algo que considera foi o habitual, mentres os partidos da oposición lle lembraron que "iso foi unha excepción na regra".

A oposición recórdalle ao PP que "non houbo conspiración nin premeditación" para que milleiros de emigrantes non tributasen

"A excepción é que se declarasen, a regra foi que non se fixo. E foi así porque desde a propia Axencia Tributaria deuse unha información confusa e enganosa que conducía ao equívoco", asegurou Francisco Jorquera, portavoz do Bloque, que preguntou á bancada popular se "de verdade cren que houbo unha confabulación de milleiros de emigrantes para non declararen as súas pensións". "Non houbo conspiración nin premeditación para non tributar. Podería habelo nalgún caso, pero é estraño que todos se puxesen de acordo para defraudar a Facenda, medio millón de persoas en todo o Estado", recordou tamén Carmen Gallego, voceira do PSdeG, que, no entanto, asegura que "si  houbo premeditación" na inspección encargada pola Administración, logo de décadas sen exixir nin informar sobre o pago destes impostos. "E ademais, faise con desinformación ou información confusa, aceptando un prazo máis longo nalgunhas delegacións e noutras non ou aplicando sancións logo de asegurarlles que non se aplicarían co pago voluntario", denunciou.

"O Estado comeza agora a reclamar estas declaracións porque houbo unha orde; foi unha instrución que se lle deu á Axencia Tributaria. Por que se fai isto e non se persegue os grandes defraudadores?", insistiu Yolanda Díaz, voceira de AGE, ao tempo que, ao igual que o resto dos grupos da oposición, contrapuxeron esta campaña contra a emigración coa amnistía fiscal aplicada aos grandes evadores fiscais.

PSdeG, AGE e BNG cren "inmoral" que se inicie unha campaña contra os pensionistas ao tempo que se aplica a amnistía fiscal a grandes evadores fiscais

"Esta campaña será legal, pero é inmoral, sobre todo tendo en conta a amnistía fiscal na que só afloraron un 3,9% de impagos; entre eses defraudadores estaba o señor Bárcenas, sete imputados da Gürtel ou a prima do Rei", engadiu Carmen Gallego, que recordou que "mentres o PP perdoa a defraudadores que ían a Suíza a levar diñeiro a contas opacas, castiga os que ían a Suíza para manter as súas familias aquí e alí". Tanto o PSdeG, como BNG e AGE, insisten en que o problema xorde "da desinformación ou mala información" que a propia Axencia Tributaria deu no estranxeiro aos emigrantes, ademais de lembrar que con esta campaña "estase esganando a economía familiar" de milleiros de galegos.

A cifra de emigrantes afectados podería chegar a 200.000 en Galicia, segundo cálculos dos grupos da oposición

Así, os grupos da oposición lembran que Facenda xa recadara até xuño uns 3,5 millóns de euros en Galicia, que hai case 25.000 afectados e que a ampliación dos expedientes sancionadores aos exercicios entre 2009 e 2013 podería facer chegar o número de pensionistas afectados a uns 200.000, pagando cada un deles entre 12.000 e 15.000 euros. "Hai que facer xustiza e devolverlles a dignidade; non son defraudadores", insistiu Gallego, que xunto a Jorquera e Díaz acusou a Pedro Puy "de cupabilizar" os galegos emigrados malia coñecer "a falta de información" á que estiveron sometidos.

Até o de agora, as cartas de Facenda apuntan os galegos emigrados en Alemaña, Suíza, Francia ou Inglaterra, pero as ordes da Axencia Tributaria afectan a toda aquela persoa que estea a cobrar unha pensión do estranxeiro. Tamén os que traballaron en América, que serán informados axiña das súas novas obrigas fiscais.

O límite xeral sitúase nos 11.200 euros anuais, polo que todos aqueles pensionistas que entre a pensión de España e a do país onde emigraron superen esa exigua cantidade estarían obrigados a poñerse ao día ao ter dous pagadores. A barreira, no entanto, sitúase nos 22.000 euros para calquera outro pensionista. Os afectados insisten en que nunca foron informados sobre o obrigatoriedade de realizar a declaración e que incluso foron advertidos, tanto por parte da Administración estatal como por outras doutros países europeos, de que non tiñan por que declarar o subsidio.

Información recollida por PRAZA Pública