Nove centros de ensino do Val Miñor levarán adiante un peche na tardiña deste xoves 25 de abril en protesta polos recortes orzamentarios que sofre o sector e en rexeitamento da lei de reforma educativa (LOMCE) promovida polo ministro Wert. A medida non afectará o normal desenvolvemento da actividade escolar, segundo comunica a Coordinadora de Centros do Val Miñor, responsable da medida en oito deles. A actividade mobilizará ao persoal docente, pais e nais do alumnado e estudantes maiores de idade.
O encerro responde á convocatoria "Toma o teu centro" da Plataforma Estatal por la Escuela Pública, impulsada dende a Marea Verde de Aragón e apoiada pola Marea Verde estatal e polas organización sindicais CCOO, UXT, STEs, CGT, a Asociación de Pais e Nais CEAPA e o sindicato de Estudantes.
Segundo explica a Coordinadora de Centros do Val Miñor, a medida proposta é o peche nos centros escolares "na defensa do Ensino Público, por unha escola para todos e todas e para manifestar o rexeitamento aos recortes en Educación e ao proxecto de lei LOMCE".
No Val Miñor o peche se levará adiante nos tres concellos, nomeadamente os CEIPs Carlos Casares ( Nigrán), Humberto Juanes (Nigrán), Neira Vilas (Peitieiros - Gondomar), Serra Vincios ( Vincios –Gondomar); e nos IESs Auga da Laxe ( Gondomar), Escolas Proval ( Nigrán), Primeiro de Marzo ( Baiona) e IES Val Miñor (Nigrán)
"Se ben, vai haber peches noutras comarcas e cidades de Galicia, pensamos que a alta concentración de centros e participantes no noso Val, posiblemente unha das maiores de todo o Estado, fai que acade un alto valor informativo", sinala a profesora Rosa Pascual, voceira da coordinadora.
Ademais dos centros antes mencionados, terán lugar un encerro con coloquios e actividades culturais no IES Terra de Turonio (Gondomar), convocado pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público. Peche que tamén apoia a coordinadora "Dado que coincidimos nos motivos da mobilización", afirma Rosa Pascual.