Luns, 29 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura Os títeres de Viravolta abrirán o telón do II Festival de teatro Ponte...na escena, en Gondomar

Os títeres de Viravolta abrirán o telón do II Festival de teatro Ponte...na escena, en Gondomar

Correo-e Imprimir PDF
Fotograma do documental, Morreu o Demo acabouse a peseta.

Este xoves ábrese o telón do II Festival Internacional de Teatro Ponte...na escena, en Gondomar cunha xornada adicada aos máis pequenos.

A segunda edición deste Festival Internacional de Teatro conta con espectáculos chegados de Portugal, Francia e Brasil.

Exposición para a recuperación do títere tradicional galego.

A exposición estará aberta ao público durante todo o festival no Centro Neural de Gondomar.

A exposición pretende animar ao visitante a reflexionar, a partir do esquecemento da figura de Barriga Verde en apenas 40 anos, sobre a perda do patrimonio inmaterial. A transmisión interxeracional, a perda de identidade e a importancia de manter referentes propios que se poden reelaborar e recrear son temas que complementan a propia historia de Barriga Verde e da familia Silvent. A mostra retrotráenos ao comezo das investigacións actuais sobre Barriga Verde, salientando a escaseza de material existente sobre a figura e amosando o proceso de esquecemento da mesma. As conexións europeas do espectáculo e do personaxe, a situación actual deste legado ou o mundo das feiras e a súa evolución son temas que tamén se abordan nunha linguaxe sinxela e complementados con ilustracións, mapas e fotografías. Ademais, o discurso expositivo pretende actuar o punto de partida no actual proceso de recuperación do personaxe. Con este fin, déixanse abertos moitos dos contidos e saliéntase a falta de información que existe en varios casos.

Dous pases de títeres con Viravolta Títeres e os espectáculo de Barriga Verde

Viravolta abrirá o festival o próximo xoves ás 12h no Auditorio Lois Tobío de Gondomar cunha función para o público escolar e unha segunda quenda ás 21:30h para todos os públicos.

O espectáculo mestura a tradición do títere galego coa europea. "recollemos cinco situacións que Barriga Verde, coa axuda da súa cachaporra, resolve dun xeito que incomoda ao Demo, ao ver o seu inferno cheo de personaxes que non lle son gratos."   O espectáculo está baseado na investigación que a compañía Viravolta fixo sobre a figura de Barriga Verde e o títere tradicional galego. Preséntase coma unha homenaxe ao Barriga Verde que a familia Silvent representou por Galicia na primeira metade do século XX.

Proxección do documental "Morreu o demo acabouse a peseta" 

A asociación cultural para a recuperación títere tradicional galego "Morreu o Demo" proxectará no auditorio Lois Tobío ás 20h o filme documental "Morreu o Demo, acabouse a peseta". Unha longametraxe de 78 minutos dirixida por Pedro Solla e producida por Tintimán Audiovisual. O documental amosa o proceso de recuperación da barraca de Barriga Verde por parte dos membros da compañía Viravolta. Ao longo da súa investigación conversan cos descendentes da familia Silvent, creadores do personaxe de títeres de luva, así como con outros marionetistas europeos. Ademais realízase un achegamento ao títere de luva galego, e á tradición europea da que fai parte.

Trailer do filme

Dim lights Embed Embed this video on your site