Xoves, 4 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura TERRA INCÓGNITA. UNHA VISIÓN SUBXECTIVA.

TERRA INCÓGNITA. UNHA VISIÓN SUBXECTIVA.

Correo-e Imprimir PDF
Terra Incognita_09

Cando, o 15 de febreiro, me tocou presentar a moi particular mirada que o fotógrafo ENRIQUE TOURIÑO MARCÉN ten, e mostra, do territorio que rodea a súa residencia gondomareña, fíxeno amparándome na miña visión subxectiva da súa obra; fíxeno nos seguintes termos:

"Son da idea de que toda manifestación artística, para selo, debe estar contextualizada no seu tempo, de que todo autor debe ter en consideración os medios que a sociedade coloca ao seu alcance en cada intre. Sei que Enrique é partidario desta tese, pode que con matices, e cónstame que a practica. E que xoga; ás veces con quen mira. Nesta exposición, onde a cámara inicia o traballo dende unha fonte estereotipada e arquetípica, a paisaxe, prescinde do cromatismo por elección propia e o que, nunha primeira e superficial lectura, puidera parecer encamiñar ollos despistados cara a unha actitude nostálxica, por parte do fotógrafo, rapidamente intuímos inequivocamente que ten outra intención. O branco, os grises e o negro non sempre aparecen nestas obras onde o estarían nunhas fotos convencionais; pero están. Evitando a hemorraxia de cor coa que case sempre nos obsequia a natureza, cando menos no contexto onde foron tiradas estas fotografías, o autor consegue intelectualizar o resultado. Introducir un considerable grao de abstracción. E, consecuentemente, levar ao espectador a un estadio onde non é abondo coa mera contemplación; convídao a reflexionar. Algo descoloca. As paisaxes son máis reais do que os ollos transmiten ao cerebro.

Por outra banda, o obxecto de reflexión, Enrique preséntanolo en dúas versións. Por veces son vistas corais, onde o bosque non permite ver as árbores, e nunca tan literalmente aplicado; composicións orquestrais onde non hai solistas. Imaxes nas que o grupo, a sociedade, é protagonista. Noutras ocasións a cámara detense en elementos illados, exemplares iguais aos demais que, vistos polo miúdo, resultan ser distintos. O individuo móstrase. E que individuo!, a mesma vida latexa aí. Ante isto, ¿quen se declara incapaz de percibir metáforas?

Ben. En ambos os dous casos, os protagonistas, todos eles habitantes dos cumios do Val Miñor, dende O Galiñeiro ata A Groba, moitos inicialmente foráneos, confirman unha vez máis que por esteticamente estéril ou, mesmo, directamente desafortunado que sexa un obxecto, un lugar, un estar,... e por aí en liña, sempre ficará a mirada de quen sabe ver para renacelo en beleza. Sen máis, por non cansar, aquí me paro".

Hoxe, tras revisitar varias veces as fotografías de gran formato que colgan na sede do IEM, reitérome no dito. Podería ampliar datos sobre as miñas emocións ante esas obras de presenza enigmática pero, en vez diso, convido a quen isto lea a que experimente persoalmente as súas.

Terra Incógnita pode visitarse na Aula de Cultura Ponte de Rosas, Avda. da Feira nº 10, en Gondomar, ata o 22 de marzo, en horario de 19 a 21 h. de luns a venres.

 

antonio soliño troncoso, marzo do 2013