Martes, 23 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura A relación epistolar Cunqueiro - Casal: un intercambio de intelixencias, soidades e amizade.

A relación epistolar Cunqueiro - Casal: un intercambio de intelixencias, soidades e amizade.

Correo-e Imprimir PDF
alvaro cunqueiro_efe1969011

 

"Querido Alberto: Me llegan noticias de que estás enfermo: ayer intenté hablar con Vigo, a la mañana, pero el trato de ferias monopolizaba el teléfono. ¿Cómo estás, qué pasa? ¿Y cuándo sale de tu silencio una carta para mí?" (Mondoñedo, Outubro de 1959). A relación epistolar entre o escritor Álvaro Cunqueiro -autor das liñas que preceden- e o notario Alberto Casal -o destinatario-, agora recollida na obra Saiban cantos estas cartas viren... Álvaro Cunqueiro e Alberto Casal (1955-1961), nos permitirá gozar coa lectura deste intercambio de "intelixencias", así como descubrir "a biografía interior de Cunqueiro", como adianta o seu fillo César no prólogo da mesma .

Alberto Casal Rivas, natural de Becerreá (Lugo) pero afincado en Vigo no momento do intercambio, foi gran amigo de Cunqueiro. O notario, agora residente en Gondomar,  profesou un fondo cariño polo escritor, sentimento correspondido plenamente por Cunqueiro, feito que amosan as cartas, segundo nos informa o seu fillo no prólogo do libro. O achegamento de Rivas tamén terá incidencia na obra do escritor, que verá nas súas críticas e consellos, unha referencia, das poucas que Conqueiro remataba por "facer caso", como tamén cita o prologuista.

O libro ademais da correspondencia Cunqueiro - Casal, contén unha carta de Eduardo Blanco Amor a Álvaro Cunqueiro -que inicia a obra-, escrita o 30 de xullo de 1949, a que nos introduce nos exilios e soidades pola que atravesaron por aqueles anos, ambos os dous intelectuais. Seguidamente, unha presentación de Luís Cochón(editor), prométenos que o libro amosará aspectos descoñecidos da personalidade e da vida do escritor mindoniense. A continuación o prólogo, escrito polo fillo de Cunqueiro, César Cunqueiro González-Seco. Cumprimentan o texto, dúas cartas dos anos 1965 e 1969 de Casal a Cunqueiro a modo de posdata, e un apéndice con notas e ilustracións.

Saiban cantos estas cartas viren... Álvaro Cunqueiro e Alberto Casal (1955-1961), é parte da colección Cadernos Ramón Piñeiro, nomeadamente o volume XXIII. O mesmo está editado polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Institución dedicada á promoción, desenvolvemento e difusión de proxectos e programas galegos de estudos lingüísticos, literarios, históricos e antropolóxicos.

O libro será presentado por primeira vez en Gondomar, na Aula de Cultura Ponte de Rosas (sede do IEM), este venres 5 de outubro ás 20 horas. No acto que será conducido pola escritora, membro do IEM, e especialista na obra cunqueirá Rexina Vega e que contará coa presenza de Alberto Casal, intervirán o fillo do escritor, tamén notario e socio do IEM, César Cunqueiro así como o ex director de Faro de Vigo e actual conselleiro da empresa editora. O editor Luís Cochón e o codirector dos Cadernos Ramón Piñeiro, Luís Alonso Girgado presentarán a publicación e o Secretario de Política Lingüística, Valentín García Gómez pechará o acto que contará tamén coa actuación do grupo de corda Cordas Novas que entre outras interpretará un poema musicado de Álvaro Cunqueiro.