Xoves, 4 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura Entrevista co actor Sergio Pazos, "O Paspallás".

Entrevista co actor Sergio Pazos, "O Paspallás".

Correo-e Imprimir PDF
sergio

O home é o típico caso da xente de "ida e volta". É tan galego que por iso emigrou. En Madrid (onde vive) o delata o seu castelán "á galega", na súa aldea de Ourense dinlle que cheira a madrileño. Chámase Luís Serxio Pazos Huete (Sandiás, 1965), aínda que popularmente sexa máis coñecido como Sergio Pazos, "O Paspallás" (personaxe en Pratos Combinados da TVG), o reporteiro de CQC (TV5, 1996), ou "Pepe", o chofer de Antonio Alcántara (Imanol Arias) en Cuéntame (TVE). O actor estará este venres cunha obra en Gondomar, e valminor.info aproveitou para falar con el das súas novas andainas polo país.

Para a peña agora son "Pepe" -advirte Sergio Pazos, en referencia ao seu personaxe na serie "Cuéntame".

O seu tránsito polo cine e a televisión galega e española non lle fixo esmorecer o seu amor polas actuacións en vivo. "Sé galego, my friend" a súa nova obra, nace dese encanto polas táboas e o convencemento de que "os galegos temos un humor especial", con retranca, anuncios Gadis ("Vivamos como galegos"), e un universo lingüístico con temas como "o carallo" e "Fraga", que nos "valen para todo". Por iso, "Sé galego, my friend", non é un clásico "stand up comedy" tan de moda nestes días, senón unha mixtura entre o monologuismo e os tradicionais contacontos.

Aquí en Galicia non facemos "stand up comedy" á americana. Facemos humor afumando chourizos, contamos contos de lobos, da Santa Compaña, reunidos ao carón dunha fogueira.

VM-Por que "Sé galego, my friend"? De que vai o título?

SP -É por aquilo de Bruce Lee: "Be water, my friend". Os galegos somos coma a auga, fluímos, nos adaptamos e si nos poñen nunha botella somos botella e si vamos a unha teteira, somos teteira.

Confesa que a súa experiencia como emigrante, aínda que na mesma España, lle permitiu ter unha mirada diferente do país. Unha calidade propia de todos aqueles que por algún motivo deben afastarse da súa terra nai. A lingua é unha pegada que non pasa indiferente en ningunha sociedade:

Esforceime por practicar un castelán neutro, que é o que se recomenda no oficio do actor.

Nembargantes advirte que o acento "se nota" sempre. En Madrid é galego. "O meu galeguiño" como con agarimo o nomea Imanol Arias. Por certo, Sergio coméntanos que se trata dun actor de primeira que profesa un grande respecto pola cultura galega, e que sempre está preocupado nas rodaxes para non caer no arquetipo de "xente servil" coa que moitas veces se representou aos traballadores do país. "¡Mantenme la mirada!", lle espeta en máis dunha ocasión, confesa. "¿Cómo podemos decir esto en gallego?", lle interroga ás veces.

Sergio Pazos porá en escea "Sé galego, my friend", este venres en Gondomar, para pasar logo polos escearios de A Rúa e Vigo. A axenda remata na cidade olívica. Mais o futuro do actor ten moitas máis novas. Confirma que a serie Cuéntame volve ao rodaxe a partir do vindeiro 21 de maio. O que aínda non pode informar é si a nova tempada a veremos este ano ou xa no vindeiro , "polo tema dos recorte na cadena nacional".  Ao mesmo tempo estará de estrea con "Parchís", un musical baseado no recordado grupo infantil, e que presentará xunto cun elenco de cinco nenos no mes de xuño en Galicia. Por si fora pouco, ten en construción un proxecto para se reunir con Juanjo de la Iglesia e Tonino nun trío de monologuistas.

Sospeito que nalgún momento da prehistoria os devanceiros atopáronse cos chineses porque é a única forma de explicar o xeito destas dúas culturas que poboaron durante séculos tódolos recunchos do mundo.