Venres, 29 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura Das líquidas xeometrías de Miguel Vázquez.

Das líquidas xeometrías de Miguel Vázquez.

Correo-e Imprimir PDF
dende-a-porta

 

Desde a noite dos tempos, a cerámica, o material plástico por excelencia, acompañou sempre, no seu uso instrumental e cotián, as necesidades do ser humano, desenvolvendo, ao mesmo tempo, un sentido estético e simbólico derivado das súas directas relacións coa terra, a auga e o fogo. O certo é, tamén, que, á sombra da escultura ou a pintura mural, e lastrada pola utilitaria relación entre forma e función, a cerámica mantivo secularmente a consideración de arte menor, artesanal e decorativa. Non foi ata o século pasado, da man dos tentos de renovación e nivelación das artes que sucederon á eclosión das ciencias sociais e ás vangardas artísticas, que a cerámica acadou, finalmente, o respecto e a aceptación como soporte singular e independente de creación e innovación. Entendida, entón, como forma complexa no espazo, e sometida á unha fonda e ampla investigación, histórica, antropolóxica e técnica, a cerámica quedou exposta, como calquera outra expresión contemporánea, ás proveitosas discusións e debates que, na configuración e definición dos criterios que avalan unha obra artística, xurdiron no baleiro promovido pola desaparición do canon e os seus referentes.

Este conciso e xa coñecido relato resulta necesario para observar que, perante esa incerta relatividade do xuízo, toda autoproclamación como artista non deixa de soar fachendosa e pretensiosa. En calquera caso, outra opción, moito mais modesta e natural, consistiría en definir como artista a todo aquel que, na continuidade e evolución do seu traballo, acade un amplo consenso entre os seus colegas de oficio, teóricos e, por suposto, o público curioso e ben informado. Neste último sentido, temos que sinalar ao ceramista Miguel Vázquez (Vigo, 1956) como un claro paradigma, tanto pola súa longa e consecuente produción creadora, como polo labor realizado, en mais de dúas décadas, dirixindo o Obradoiro de Cerámica da Escola Municipal de Artes e Oficios en Vigo, pois o seu nome é recoñecido, desde hai anos, con indiscutible respecto. 

O fundamento desta favorable e maioritaria opinión ven a ser o camiño paciente e rigoroso que Miguel Vázquez, no seu prolongado traballo de investigación, deu en escoller, rexeitando, desde o principio, todo atallo espectacular e doado. Na súa obra adiviñamos a soidade fronte ao material, o tempo dedicado á reflexión e o desenvolvemento dun pensamento experimental coherente,  aspectos que rematan, sempre, nun xesto sutil e sinxelo. Elegantes e limpas sínteses que, agás algúns dos seus primeiros traballos de formación, artellan a materia prima do ceramista, a terra, con elementos artificiais ou industriais. Ferro, arame, vidro ou plástico, conforman, nas súas mans, unha estreita e indisoluble asociación, unha relación perfectamente integrada coa arxila, o barro refractario, o gres ou a porcelana.

As súas formas derivan dunha lóxica xeométrica e construtiva que, aínda remitíndose ás vangardas históricas, nega as súas arestas dogmáticas, as súas angulosas imposicións, acadando unhas fluídas construcións que suxiren tolerante curiosidade pola nosa continxente e incerta existencia humana. No mesmo intre no que rexeitamos aquela mecánica de sólidos que aprendemos na vella escola, sustentadora, aínda hoxe, de seculares valores autoritarios, e afondamos nunha dinámica de fluídos que, na actualidade, só reservamos para o estamento financeiro, a xeometría, aínda mantendo a súa posición como forma simbólica, como metáfora da nosa relación co mundo, dáse en humanizar nunha configuración orgánica, complexa, relacional e social. Hai algo mais xeométrico que unha célula dividíndose en dúas? Ou que un conxunto de entes, neuronas ou individuos, intercambiando información? Ou que un virus replicándose ata o infinito?

O certo é que a tradicional oposición entre unha idea conceptual da xeometría como ideal, como abstracción, e un sentido orgánico da natureza, non da para mais. Hai décadas que sabemos que as fractais, estruturas xeométricas que teñen en común amosar lonxitudes infinitas dentro de áreas finitas, configuran o crecemento dos fentos ou os cristais de certos minerais. A nova enxeñería microscópica, ou nanotecnoloxía, segue o ronsel de bacterias e virus. Atopámonos mergullados nun novo espazo, estruturado como unha xeometría da natureza, ou mesmo, como a procura dun organismo artificial. Un xeito distinto de entender un mundo, cada vez mais pequeno, que impídenos amosarnos indiferentes, que impúlsanos a escoller outros valores e obrigas. Os nosos deberes, e mesmo o noso destino, non están escritos en ningures. A realidade, noutro tempo natureza externa, descoñecida e agresiva, agora integración artificial e autoinventada,  é o inescusable campo de acción, un punto de partida provisional. Nos decidimos que facer con ela. E esa é a nosa responsabilidade.

Neste contexto, esa nova e estreita síntese entre organismo e xeometría configúrase como un espazo de redes, como unha trama real e aberta, horizontalmente artellada e interrelacionada, de fluídas lóxicas en contínuo movemento, de inesperados cruces e puntos de contacto. Ese é o territorio, heteroxéneo, mestizo, artificial, sen límites prefixados, e dotado de amplas capacidades de adaptación, no que Miguel Vázquez indaga na súa obra cerámica. Unha obra que procura un sentido nas estruturas caóticas da realidade, entendida, xa, como outra orde diferente, mais axustada a eses paradigmas que ven propoñendo, desde hai décadas, a nova física. Unha obra pensada e artellada como unha síntese significativa na que, como seres sociais, podémonos recoñecer. Pois, a estas alturas, sabemos xa que a complexidade conceptual pódese, e débese, comunicar dun xeito sinxelo e sutil. Sabemos, tamén, que chegamos, paulatinamente, á transparencia desde a opacidade, e que a forma, nestes tempos de saturación, xurde de quitar, non de engadir.

Work in progress

Miguel Vázquez

Do 30 de marzo ao 16 de maio (De 19 a 21 horas)

Aula de Cultura Ponte de Rosas. Gondomar

WORK IN PROGRESS


  Dim lights Embed Embed this video on your site