Xoves, 4 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura De Miguel Mosquera e a recuperación da pintura histórica.

De Miguel Mosquera e a recuperación da pintura histórica.

Correo-e Imprimir PDF
os-artistinas

Unha das moitas convencións que definen o mundo da plástica, en calquera das súas manifestacións, ven a ser a suposta, discutible e forzada oposición entre abstracción e figuración. Por outra banda, a crítica mais común, baseada na devandita convención, que reciben aqueles que promoven e montan, desde hai algo mais de dous anos, as distintas mostras e exposicións na Aula de Cultura Ponte de Rosas, sede do IEM, refírese á súa hipotética resistencia a incluír, na programación da sala, toda obra ou artista que amose inclinacións figurativas.

O certo é que toda achega á realidade ven sancionada por un aparato conceptual e ideolóxico, por uns códigos sustentados nunha época e visión determinadas. Na historia dos movementos e ideas artísticas, e sexa cal sexa a súa cultura de orixe, non se coñece ningunha que, na súa representación da  realidade, pódase interpretar como mímese absoluta, pois, como tal, carecería de peso, densidade e sentido. Contra aquelas convencións que, no que se refire á representación plástica, falan, dun xeito exclusivo e limitado, de realismo, naturalismo ou figuración, hai que dicir que reducir a idea de realidade ás sensacións que percibimos polo sentido da vista, enfróntanos ao absurdo de afirmar que, para os cegos, non existe ningunha realidade. Ademais, do mesmo xeito que hai sons que non escoitamos, a nosa percepción visual só funciona nunha especie de lonxitude de onda, pois hai cousas, mais grandes ou mais pequenas, que non percibimos. Ou é que os mundos micro e macroscópico, non pertencen á realidade?  O certo é que iso que chamamos realidade sempre provén, mais alá de calquera dos cinco sentidos, dunha orde ou estrutura mental predeterminada, polo que toda arte, mesmo a mais abstracta, só aspira a entender e interpretar, cos instrumentos físicos e conceptuais que ten a man, os múltiples e complexos aspectos desa realidade, na súa aparencia, mais tamén, nos seus agochados mecanismos e procesos, malia a fonda convicción de que unha obra de arte, ao final, non ven a ser mais que un fermoso fracaso, unha arriscada pirueta no baleiro, pois, no mellor dos casos, só pode ofrecer unha pobre resposta, sempre provisional, a esa configuración concreta e temporal da realidade da que parte.

Despois deste longo pero necesario prólogo, cómpre dicir que, no espazo da Aula de Cultura Ponte de Rosas, en Gondomar,  asistimos a unha exultante representación visual, na que o pintor Miguel Mosquera (Ourense, 1953) derriba, dun só golpe que reúne vinte sinxelos xestos dunha fermosa plasticidade, tanto a devandita oposición entre abstracción e figuración, como a banal e pouco informada opinión crítica que se deriva dela. Porque, o que está en xogo é a actitude coa que nos enfrontamos á saturación de imaxes  que define esta complexa e marabillosa época que nos toca vivir, imaxes que, na secuencia insistente e caótica de representacións, semellan ofrecernos unha mirada, sempre encaixonada e reducida, sobre iso que, no seu sentido mais inmediato, chamamos realidade. O que Miguel Mosquera nos amosa, non é tanto unha idea de figuración, mais ou menos ambiciosa, como unha ampla indagación acerca dos horizontes e límites do feito narrativo, e dicir, do que podemos contar e de como se conta, xogando co longo alcance das interpretacións e lecturas, sempre abertas, coas que o espectador recibe e acolle a súa obra. Porque iso que, dun xeito convencional, chamamos arte, non é só a realización dun produto que ten certas peculiaridades, senón, e ante todo, unha forma de desenvolver unhas liñas de reflexión arredor da imprescindible, continua, angustiosa e humana procura de comunicación.

Esta experimentación plástica que explora as trémulas e febles fronteiras da narración, sobre como contamos as historias e ganduxamos, fío a fío, a súa poesía, no sinxelo e limitado marco dun plano, é o que permite ao artista utilizar, despreocupadamente, todo tipo de recursos nunha obra que, na súa aparencia formal, abrangue o extenso abano que leva desde as lixeiras construcións de base xeométrica e inspiración construtivista, ata o uso e manipulación de imaxes fotográficas, con reminiscencias do pop, ou mesmo do graffiti, nun ledo e libertario conxunto de optimistas chiscadelas á cultura de masas, á historia recente ou á música de jazz, todo reunido nunha expresión rica en formatos e soportes, e amalgamada pola consolidada personalidade dun artista que valora o azar e a experimentación, sempre na procura dunhas formas, principios e parámetros mais abertos, democráticos e lúdicos.

Se unha das funcións das artes ven a ser a creación e desenvolvemento das linguaxes, e dicir, o establecemento de novas relacións entre as ideas que conforman unha reflexión coherente, integrada no seu tempo, e o conxunto simbólico de signos e formas coas que expresamos e administramos esa reflexión, ese ven a ser o percorrido, ou a distancia, que, ao final, lexitima e da por boa unha obra artística.

A partir deste criterio contemporáneo que, na ausencia dun canon, no seu sentido mais tradicional, define a imprescindible e estudada configuración e concreción entre o pensamento e a expresión, entre fondo e forma, podemos observar como esa manipulación conceptual da imaxe, desde a súa orixe fotográfica, amosa un dos aspectos mais interesantes, atraentes e actuais da obra exposta en Gondomar. Non esquezamos que a raíz da súa invención, na primeira metade do século XIX, a fotografía  asumiu e monopolizou o aspecto máis importante, útil e popular das artes plásticas ata entón: a  imaxe como documento. Daquela, máis dun crítico profetizou a morte da pintura.  Tanto ten, porque, nas mans dun artista que non esqueceu o aspecto artesanal do oficio,  esa escolma de imaxes sufre un intenso e complexo tratamento dixital que, actualizando a idea e función do gravado, debe entenderse, na súa lóxica mais popular e democrática,  como elemento sempre susceptible de reprodución técnica, definindo un soporte formal que acolle novas mensaxes, formas, materiais, acenos, palabras, signos, acentuacións plásticas e significados, nunha atracción pola complexidade que nos remite ás ficcións do Barroco, acadando unha rica escenografía, derivada das vellas poéticas da colaxe e a ensamblaxe, onde danzan caligrafías, arquitecturas, escorzos, torsións,  xeometrías, agochos, trompe l´oeil ou anamorfoses.

Coa materia constrúese e moldease a razón, a linguaxe, pois a forma que adquire, paulatinamente, cada expresión non é senón o desenvolvemento das súas deformacións. A plástica non define só aquel material susceptible de ser moldeado, intervido ou modificado formalmente. É moito mais, pois prefigura o indeterminado, o aínda non dito nin imaxinado. Porque, co uso, mestura e xustaposición destes recursos e técnicas, Miguel Mosquera pon ao día esa vella idea da pintura como documento, que aqueles críticos, xa desaparecidos, daban por soterrada hai algo mais de século e medio, nunha rehabilitación contemporánea dese xénero que coñecemos como pintura histórica, do que, unha vez rexeitados aqueles aspectos heroicos e propagandísticos, impostos polo achego e vasalaxe ao poder político que configuraban a pintura histórica tradicional, xurde unha nova realidade afastada de xestos míticos e pantomimas monumentais, unha narración de mínimas e fráxiles historias, así, en minúscula, que ilustran o extraordinario da nosa feble humanidade, democrática e cívica, nun denso relato crítico, sutil e cálido, nunca compracente, exercido, sempre, desde unha mirada honrada, comprometida, rebelde e solidaria.

 

Miguel Mosquera

nun lugar do mundo Oregón (Ourense)

Aula de Cultura Ponte de Rosas. Gondomar

Do 21 de outubro a 18 de novembro.

Luns a venres de 19 a 21 horas.