Xoves, 4 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura As Actas do Congreso “Emigración e Educación (1900-1936)" presentáronse no Consello da Cultura Galega.

As Actas do Congreso “Emigración e Educación (1900-1936)" presentáronse no Consello da Cultura Galega.

Correo-e Imprimir PDF
Carlos Méixome (IEM), Ramón Villares e Xosé Manuel Malheiro.

“Galicia sería díficil de entender sen emigración, pero moito máis difícil sería imaxinala de non se ter producido esta profunda e sostida onda migratoria, que vencellou estreitamente a imaxe dos galegos no mundo con tantos outros pobos europeos -e non europeos- que tamén foron países de emigrantes”. Así o ve Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega e catedrático de Historia Contemporánea da USC, no seu traballo “Vellas e novas formas de entender a emigración”, que abre as Actas do Congreso “Emigración e Educación (1900-1936)”, libro editado polo Instituto de Estudos Miñoranos,  presentado hoxe no Consello da Cultura Galega.

As actas do Congreso EMIGRACIÓN E EDUCACIÓN (1900-1936) foron presentadas no curso dun acto celebrado na Biblioteca do Consello da Cultura Galega e no que interviron: Ramón Villares, presidente da institución; Carlos Méixome, presidente do Instituto de Estudos Miñoranos, e Xosé Manuel Malheiro, coordinador da edición e profesor da Universidade da Coruña. Todos eles salientaron a importancia do congreso celebrado hai agora dous anos en Nigrán (Pontevedra), a relevancia dos traballos presentados e as súas contribucións documentais e investigadoras. Subliñaron asemade o carácter pioneiro das Escolas do Val Miñor, exemplo para outras iniciativas e realizacións dos emigrantes galegos en América en materia de equipamentos escolares, unha auténtica rede de escolas en diferentes lugares de Galicia.

A publicación, de 516 páxinas, agrupa as achegas presentadas ao Congreso “Emigración e educación (1900-1936”, celebrado en Nigrán (Pontevedra) entre o 29 de xuño e o 3 de xullo de 2009 co subtítulo “I Centenario das Escolas da Unión Hispano-Americana Valle Miñor (1909-2009)”. As achegas pertencen a: Ramón Villares, Lourenzo Fernández Prieto, Dionisio Pereira, Miguel Cabo Villaverde, Pilar Cagiao Vila, Uxío Breogán Diéguez, Raul Soutelo e Xan Carmona, todas baixo o epígrafe “Galicia no primeiro terzo do século XX”.

Un segundo bloque coa referencia “O labor educativo da emigración galega e as Escolas da Unión Hispano-Americana pro Val Miñor” permite coñecer as reflexións de Narciso de Gabriel, Ruy Farías, Xosé Manuel Cid, Antón Costa Rico, Xosé Manuel Malheiro, Rosa Pascual, Álvaro Peralta, Carlos Méixome, María Xosé González Chamorro, José Ramón Iglesias Veiga, Miguel Anxo Santos Rego e Mar Lorenzo Moledo. O libro péchase coa coda “Falando sobre a emigración”, de Xosé Manuel Beiras, quen destaca as consecuencias, que considera negativas, desa inmensa sangría migratoria.