Domingo, 28 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura Nace o clube de lectura "Lendo contigo"

Nace o clube de lectura "Lendo contigo"

Correo-e Imprimir PDF
A Asociación de Nais e Pais As Pontes celebrará este próximo sábado, 15 de decembro, a primeira sesión dunha nova actividade de dinamización lectora: o club de lectura compartida "Lendo contigo", dirixido a nais e pais e a nenos e nenas de 8 a 11 anos. Cada mes propoñeremos un libro para que o lean tanto os nenos que se apunten como o pai ou a nai, de xeito que poidan compartir impresións sobre a lectura e logo reunirse na biblioteca cos demais participantes para charlar sobre o libro.

O título proposto para esta primeira sesión, na que contaremos coa presenza do autor, é Un tren cargado de misterios, de Agustín Fernández Paz. Logo dunha primeira reunión de presentación celebrada hai un mes, están apuntados 23 nenos e nenas acompañados dun adulto. A sesión de charla-coloquio co autor terá lugar o sábado, 15 de decembro, ás 12 da mañá na Biblioteca Municipal de Gondomar. 

O Club de Lectura Compartida Lendo contigo nace como unha proposta complementaria do programa de contacontos Contomar que a ANPA As Pontes celebra semanalmente desde hai case dous anos na Biblioteca Municipal de Gondomar e pretende darlle continuidade ao labor de dinamización lectora que desenvolvemos. Se co Contomar pretendiamos fomentar entre os máis pequenos o achegamento aos contos e o uso da biblioteca pública, con esta nova proposta queremos crear un novo espazo que lles permita aos nenos manter esa vinculación coa biblioteca e fomentar a lectura crítica e a capacidade para reflexionar sobre o que se leu. 

E para botar a andar esta nova actividade teremos o privilexio de contar coa presenza de Agustín Fernández Paz, un dos autores máis importantes da literatura infantil e xuvenil galega, merecedor de premios tan sinalados como o Merlín (1989), o Premio Lazarillo (1990), o Premio Rañolas (1995), o Raíña Lupa (1998), o Edebé de literatura xuvenil (1994), Edebé de Literatura Infantil (2005) ou o Barco de Vapor (2003). A súa obra narrativa para o público infantil e xuvenil inclúe títutlos como Contos por palabras, As flores radiactivas, A escola dos piratas, A noite dos animais, O raio veloz, Cos pés no aire ou Cartas de inverno. O libro proposto para esta primeira sesión do club de lectura compartida, Un tren cargado de misterios, é unha obra tremendamente suxerente na que unha nena vai ir conseguindo, a través dun xogo de adiviñas, as claves que lle abrirán as portas da fantasía e lle darán ás ao seu desexo de viaxar e coñecer o mundo.