Domingo, 5 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura Mercado y control político en China

Mercado y control político en China

Correo-e Imprimir PDF
Novo libro de Xulio Ríos
Xulio Ríos . Director do IGADI
  • Anterior
  • 1 of 2
  • Seguinte

Se as reformas impulsadas polo Partido Comunista de China no seu peculiar camiño socialista cara á economía de mercado dificultan a posibilidade de determinar a natureza e a identidade do actual sistema chinés, aínda resulta máis complicado determinar cal será o perfil da Chinesa do século XXI, obxectivo que se propón esta obra do miñorán Xulio Ríos.

Todo parece vaticinar que este país converterase na gran superpotencia, e a principal razón de tanta certeza é o acelerado crecemento dunha economía que en só vinte e cinco anos multiplicou por catro o seu valor. Pero a gran incógnita que expón o xigante asiático é se estas reformas económicas encamiñadas a conseguir "unha pequena prosperidade" para o conxunto da poboación irán acompañadas doutra serie de reformas políticas e sociais que teñan como resultado unha verdadeira transformación do sistema.

Tras analizar os cambios económicos "incidindo naqueles factores que poden influír na mutación da natureza do sistema, como o auxe da propiedade privada" e constatar como as autoridades chinesas menosprezaron o enorme custo humano e social que o proceso modernizador implica, Xulio Ríos "director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), membro do Consello Asesor de Casa Asia e director do Observatorio da Política Chinesa" realiza unha proxección respecto das posibles evolucións futuras, identificando as claves que poden condicionalo: as relacións do PCCh co armazón económico interno e internacional e a insistencia na soberanía nacional, así como o factor civilizatorio e a posibilidade de conformar, a partir del, un sistema singular afastado da clásica opción bipolar entre "socialismo"

 

 Teses principais do libro

1. Iniciado en 1978, o proceso de reforma chinés desenvolvese como un exercicio de transformación e modernización do país, aínda que excluíndo alterar a natureza dun réxime político que ten o Partido Comunista como forza esencial exercendo o monopolio do poder. O primeiro parece claro á vista dos índices de crecemento, e o segundo?

2. A partir de 1978, a realidade de China, como consecuencia da aplicación da política de reformas, cambiou moito en numerosos aspectos, conforme a un proxecto non definido de todo e que se vai construíndo e programando por etapas. Non estamos ante un proxecto acabado e a orientación final dese proceso dependerá, entre outros factores, da correlación de forzas interna.

3. A reforma aumentou o poder de China e a súa influencia no mundo, e tamén orixinou, no interior, profundas mutacións e problemas, emerxendo novos actores sociais e importantes tensións de todo tipo. A reforma ten máis dun lado escuro e descoidado. A falta de sensibilidade do PCCh respecto dos problemas sociais xerados nas últimas décadas, constitúe unha denuncia permanente que contradi o seu proclamado ideario emancipador.

4. O PCCh, sen deixar a carón a obsesión do crecemento, concentra agora boa parte da súa enerxía no restablecemento dun certo equilibrio perdido na reforma, a sabendas que diso pode depender o seu propio futuro político. Trátase de promover, no fundamental, medidas en diversos campos que exclúen cambios políticos substanciais.

5. O atrevemento mostrado polo PCCh á hora de innovar nas esferas económicas ou sociais, xeralizando a presenza do mercado ou as diversas formas de propiedade, non ten por que darse á hora de promover un cambio de réxime e, de producirse, non ten por que ser a consecuencia, polo menos natural, deste proceso.

6. O PCCh ambiciona manter o rumbo político da reforma, instrumentando e innovando mecanismos de control en todas as ordes, xa sexa no económico (mantendo a súa influencia directa nos sectores estratéxicos), político (rexeitando o pluralismo e promovendo limitadas reformas que o afiancen), social (multiplicando a súa presenza directa ou indirecta, a través das organizacións de masas), ideolóxica (exercendo un control absoluto dos medios de comunicación e dando reiteradas mostras de non claudicación neste aspecto) e na orde da seguridade (subordinación directa do aparello militar e policial). Os novos actores e poderes que xurdiron como consecuencia da reforma deben asumir o liderado do PCCh e este aspira a integralos nas súas propias filas.

7. A pesar das forzas liberadas, o PCCh aínda mantén o control global do proceso chinés, que entende como un exercicio de soberanía que debe aumentar as súas posibilidades de proxección. Esa soberanía é unha das claves esenciais que alertan da singularidade da reforma, favorecida polo pouso dunha milenaria cultura que goza de crecente presenza na linguaxe política e afianza unha vocación de subsistencia a longo prazo que non se debe desdeñar.

8. Fronte á hipótese dunha evolución á taiwanesa (culminando cun sistema político internacionalmente homologable no esencial), ou a plasmación fáctica dunha lenta socialdemocratización á chinesa (xustificada polo xiro social da reforma), a posibilidade dunha longa transición de resultado incerto viría xustificada por esa procura permanente dun sistema adaptado ás particularidades do país, o que viría derivar nunha especie de novo mandarinato pilotado polo PCCh e baseado no exercicio dun goberno virtuoso e ao servizo da cidadanía.

9. Ao PCCh espéralle unha década decisiva na que o rumbo do actual proceso podería decidirse en función das esixencias internacionais nun marco de interdependencia cada vez máis acusado, e en función das tensións internas que, coa aparición de novas forzas con proxección política interior, podería alentar debates antagónicos e fragmentar o consenso que hoxe caracteriza a formación e xestión do seu discurso. A clave nacionalista pode servir de perigoso aglutinante de reserva. O PCCh se arroga a capacidade última de preservar a soberanía chinesa.

10. En política exterior, cabe esperar de China, adepta ao multilateralismo, un comportamento globalmente beneficioso, aínda que as tensións, especialmente con EEUU (sobre todo polo futuro de Taiwan), tenderán a aumentar. China é o gran rival estratéxico de Washington.

 

Mercado y control político en China - Xulio Ríos (Madrid, La Catarata, 2007)

Xulio Ríos 

é director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) con sede en Baiona, e do Observatorio da Política Chinesa. Membro do Consello Asesor de Casa Asia e autor de obras como China (Icaria, 1997), China, a próxima superpotencia (Laiovento, 1997), Hong Kong, camiño de volta (Laiovento, 1997), A China por dentro (Xerais, 1998) e Taiwan, o problema de China (Os Libros da Catarata, 2005), ademais de editor de Política exterior de China (Bellaterra, 2005), é colaborador habitual nos medios de comunicación e revistas especializadas.