Luns, 19 Aug. 2019

Actualizado12:21:09 AM GMT

Estás en Opinion Opinión Flor dun día

Flor dun día

Correo-e Imprimir PDF
Xulio Rios | Imaxe: Icaria Editorial

Baiona acollerá proximamente un cumio ibérico, coa participación do presidente Rajoy e o primeiro ministro luso Passos Coelho. O evento, unha vez mais, pon de manifesto a idoneidade de Baiona para que a dimensión internacional convértase nun piar estratéxico da política local. Resulta lamentable que para achar un feito similar teñamos que remontarnos ata 1998, mais de tres lustros atrás, cando o presidente Aznar celebrou un encontro de diferente perfil con líderes iberoamericanos.

Que Baiona non se teña dotado de capacidades e políticas específicas para se converter nun referente euroamericano de primeiro nivel e, pola contra, optase polo fácil discorrer da inercia de festas e similares é responsabilidade exclusiva de quen gobernou e goberna a vila erizana, dunha oposición falta de pulso e ideas como igualmente dunha sociedade pouco vertebrada e debedora dunha concepción do turismo tan decimonónica como escasamente atraente. Política local cinza, procedería diagnosticar.

Con algo máis de impulso e altura de miras, Baiona estaría en condicións de facer valer o seu protagonismo histórico no plano internacional e convertelo nun factor de progreso e benestar para os seus cidadáns, sorteando mellor esas temporalidades que tanto lle afectan. Claro que iso implica pensar con algo de ambición e rigor. Unha ocasión como esta, sen estratexia, converterase noutra anécdota máis. Flor de un día. É a intranscendencia por incompetencia, a máis lamentable de todas .

---------
Xulio Ríos
Especialista en política internacional. Graduado Social e licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela. É director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, IGADI, da Fundación Plácido Castro e do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Participa en numerosas publicacións e revistas, tanto galegas como internacionais.