A praga transmite unha enfermidade coñecida como o "dragón amarelo", que está a esmorecer e até matar principalmente aos limoeiros, aínda que tamén ataca outros cítricos. O causante é un insecto denominado Trioza erytreae (psílido africano dos cítricos), e xa foi detectada a súa presenza en Monte Lourido, Vilariño e A Ramallosa polo Servizo de Explotacións Agrarias de Pontevedra (Consellería do Medio Rural e do Mar). Declarado praga en toda Galicia dende o pasado 10 de febreiro, recoméndase unha serie de actuacións aos titulares de plantas afectadas antes da chegada da primavera onde a praga comezará a espallarse con maior celeridade.
Síntomas de afección nas follas
Os síntomas de ataque do dragón amarelo (Trioza erytreae Del Guercio) nas follas dos cítricos son moi característicos xa que provoca distorsións e atrofias, formación de galadas e de verrugas que causan a perda da cor verde e a aparición de cloroses amarelas, segundo da a coñecer o informe que precede a resolución da Dirección xeral de Produción Agropecuaria e asinado pola directora Patricia Ulloa Alonso.
Obrigas e recomendacións para os propietarios.
Os propietarios que detecten a presenza da praga ou os seus síntomas deben comunicala de forma inmediata aos servizos de sanidade vexetal, sinala a resolución de Medio Rural publicada no DOG o pasado 23 de febreiro. A vez que deberán realizar os tratamentos fitosanitarios decretados polas autoridades, que, como mínimo, serán dúas cun intervalo de dous a tres semanas. "Cortar as puntas das follas afectadas e eliminar o antes posible todo brote da praga" na árbore foi a recomendación do servizo en Pontevedra, ante consulta deste medio.
O custe e xestión vai por cargo dos propietarios das plantas afectadas polo "dragón amarelo", segundo estipula a lei de sanidade vexetal (art.13 Lei 43/2002) que rexe a xestión desta praga, ao igual que outras xa presentes na bisbarra, como o picudo vermello.
Sinalan dende o servizo que os produtos a aplicar no tratamento non son caros, máis recomendan consultar ao servizo, técnicos ou empresas autorizadas en caso de dúbida. Un díptico informativo elaborado pola Consellaría de Medio Rural achega datos aclaratorios sobre diversos aspectos da praga, unha batería de recomendacións así como teléfonos de contacto cos servizos provinciais.
Medidas de Medio Rural para a comercialización de cítricos.
Ademais, segundo a resolución de Medio Rural, os comerciantes de árbores cítricos, "tanto ornamentais como frutais", terán que asegurarse de contar co pasaporte fitosanitario que garanta a saúde dos seus produtos e notificar á administración calquera síntoma que poida demostrar a presenza do insecto, orixinario de África e con presenza noutras autonomías.
Ingreso da praga
O psílido africano dos cítricos, Trioza erytreae Del Guercio, é orixinario de África onde se atopa amplamente distribuído. Segundo informe de Medio Rural foi detectado en Europa inicialmente nos territorios insulares dos Azores, Madeira e Canarias. En prospeccións oficiais realizadas durante o ano 2014 detectouse a presenza deste organismo nocivo en Galicia en varios concellos das comarcas da Barbanza e do Salnés.
Â