Convocadas pola Asociación Galega de Apicultura, teñen lugar en Viveiro e Santiago de Compostela.
As avespas asiáticas non só supoñen unha ameaza para as abellas se non que os cultivos de froita tamén estarían ameazados xa que unha vez pasado o verán roen na froita.
Dende AGA lembran que "no ano 2012 chegou ás costas de Galicia un novo inimigo das nosas abellas, a AVESPA ASIÁTICA, e dende aquela colonizou toda a Galicia costeira e xa se está adentrando por vales dos ríos, vías do tren etc".
Nestes intres os apicultores/as destas áreas están moi preocupados pola presenza deste novo inimigo, que xa está atacando as abellas, sobre todo na Mariña Lucense, parte de A Coruña e no Baixo Miño.
A avespa asiática aliméntase nun 80% de abellas
Esta vespa ten preferencia pola captura de abellas, o 80% da alimentación das súas crías é o torax das abellas. Pero cando os niños acadan o máximo desenvolvemento, no verán-outono, tamén roen na froita, polo tanto abelleiros/as e fruticultores/as serían os máis perxudicados.
Por todo isto AGA propón unha xuntanza dos abelleiros/as, para que veñan a contar a súa experiencia. "Esta organización de apicultores, despois de oir aos afectados, tomará nota e fará as súas propostas para control desta nova praga, que estamos seguros que teremos que aprender a convivir con ela", aseguran.
Durante o VII Congreso Apícola Hispánico que terá lugar os días 3, 4 e 5 de outubro en Santiago de Compostela haberá unha sesión especial adicada a vespa velutina con expertos da Cornisa Cantábrica, Galicia e de Francia, onde xa leva algúns anos presente.
Tamén convidaron á Consellería do Medio Rural e do Mar a asistir a estas xuntanzas, xa que como administradores dos asuntos deste País terán que poñer en práctica medios que axuden e colaboren neste control. Lembran unha vez máis que sen abellas non hai polinización e sen polinización non hai biodiversidade nin produción de alimentos suficientes.
AGA fai un chamamento á calma da poboación xa que a estes insectos se non se lles molesta non atacan. Este é un ano dunha grande proliferación de avespas de todo tipo, seguramente as condicións climatolóxicas teñen moito que ver.
Xuntanzas informativas abertas a todo o público
Por todo isto AGA convoca as seguintes xuntanzas abertas a todo tipo de público:
EN VIVEIRO:
Teatro Pastor Díaz
Día 29 de agosto ás 19:00 h.
EN SANTIAGO:
IES Rosalia Castro, Rúa de San Clemente nº 3
Día 5 de outubro ás 11:00 h no VII Congreso Apícola Hispánico (información do congreso en www.apiculturagalega.es/congreso)
- Información do medio colaborador - Galicia Confidencial