O goberno municipal inaugurou hoxe a I Exposición de Libros Escolares Antigos coa que celebra o Día das Letras Galegas, unha mostra composta por máis de 300 exemplares orixinais dos anos 20, 30, 40, 50 e 60 do século XX, cortesía un ano máis do bibliófilo Francisco Vidal.
Tras o éxito das exposicións organizadas os dous últimos anos, cuxos protagonistas foron os códices antigos, tócalle a quenda aos libros infantís, "unha iniciativa posta en marcha polo goberno municipal co dobre obxectivo de dinamizar a cultura e a lectura entre todos os membros da casa en xeral, pero de especial forma entre os máis pequenos, achegando aos nenos e nenas de Nigrán o amor pola literatura", sinalou o rexedor municipal, Alberto Valverde.
A exposición estará organizada en trece áreas temáticas diferentes, nas que poderemos atopar libros de gramática e aritmética da editorial Luís Vives, diferentes versións do clásico da literatura universal O Quixote, as clásicas enciclopedias Álvarez, catones metódicos e o clásico catón galego dos anos 60 asinado por Ben Cho Sey, entre outras moitas outras xoias, como cómics e revistas da época, atlas, manuscritos, libros de caligrafía, etc.
A exposición inaugurada hoxe, coa presenza do alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, a delegada da Xunta de Galicia en Vigo, María José Bravo Bosch, a concelleira de Turismo, Cultura e Deporte, Liliana Silva, e o bibliófilo propietario dos libros, Francisco Vidal, entre outras autoridades, permanecerá aberta todos os días até o domingo 1 de xuño, en horario de 18.00 a 20.00 horas.
Ademais, o goberno municipal ofrece a posibilidade de coordinar visitas guiadas por grupos, para o que as persoas ou colectivos interesados deberán contactar co Departamento de Cultura do concello, no teléfono 986 365 000.
Conferencias
No contexto da exposición celebraranse dúas conferencias que abordarán desde distintos puntos de vista a temática da mostra. O mércores 21 de maio, o escritor e editor Bieito Ledo Cabido ofrecerá aos alumnos de 3º e 4º de primaria unha charla sobre a historia do mundo editorial, desde as súas orixes até a actualidade.
A quenda de Xosé Neira Vilas, autor do libro escrito en galego máis editado da historia da literatura galega, "Memorias dun neno labrego", será o venres 30 de maio. Nesta ocasión, os alumnos de 5º e 6º de primaria poderán, ademais de visitar a exposición, ouvir de boca do seu creador as historias de Balbino.
Concurso de debuxo
A imaxe do evento desenvolveuse a partir do debuxo gañador do concurso infantil organizado polo Concello de Nigrán para os alumnos de 5º e 6º de primaria de todos os centros escolares do termo municipal, baixo o tema "A escola dos meus avós". Este certame convocouse co obxectivo de que os máis pequenos da casa coñecesen como era a escola na primeira metade do século XX a través da boca dos seus avós.
A gañadora foi unha alumna de sexto de primaria do C.P.I. de Panxón, quen recibirá o premio o próximo 30 de maio, coincidindo coa conferencia de Xosé Neira Vilas.