Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Baiona Co descontento da oposición Almuíña reduce a cinco o número anual de plenos ordinarios en Baiona.

Co descontento da oposición Almuíña reduce a cinco o número anual de plenos ordinarios en Baiona.

Correo-e Imprimir PDF
concello_baiona

Baiona só terá plenos municipais ordinarios nos meses pares. Así o decidiu a maioría de 10 concelleiros do PP liderada por Jesús Vázquez Almuíña esta mañá no primeiro pleno do novo mandato, ante a ausencia da oposición que retirouse da sala antes da votación. A medida reduce a 5 os plenos ordinarios xa que en agosto non se reúne a corporación.

A medida foi tomada sen consultar aos grupos municipais da oposición, quebrando unha tradición de consensuar este tipo resolucións entre os portavoces das distintas forzas políticas na mesa informativa previa aos plenos. A decisión do goberno popular deixa agora un escaso marxe para as iniciativas da oposición, pois só neste tipo de pleno poden presentarllas. Tamén queda reducida a 5 veces ao ano, a posibilidade de realizar "rogos e preguntas", unha ferramenta política vital para o control da oposición.

Isabel Domínguez, portavoz da agrupación municipal do PSOE chamou á reflexión ao rexedor baionés, e pediulle que "recapacite e cambie a proposta". A líder socialista de Baiona entende que este é o maior ataque á democracia feita nestes 35 anos no concello. Para Domínguez isto é "o fin da festa da democracia" ironizando co adxectivo que Almuíña utilizara no discurso da a súa investidura ao referirse ao presente mandato.

UPyD, BNG e mais o PSOE, deixaron a sala de plenos antes da votación, polo que foi aprobada cos 10 votos do PP. Posteriormente o pleno, sen a presenza destes grupos, pasou a votar as dedicacións nas distintas concellerías, xa anunciadas por Valminor.info na xornada de onte.