Sábado, 11 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor O Concello de Oia tarda tres anos e medio en colocar un semáforo na vila

O Concello de Oia tarda tres anos e medio en colocar un semáforo na vila

Correo-e Imprimir PDF
Tiveron que pasar tres anos e medio para que o Concello de Oia atendese a demanda de centos de veciños de Oia e da Agrupación Local do BNG e movese os fíos para colocar o primeiro semáforo da vila nun tramo especialmente perigoso: o paso da estrada PO-550 polas inmediacións do centro de saúde e mais do centro educativo situados na Riña, en Santa María de Oia. As obras para a instalación deste semáforo xa comezaron, e ante esta novidade, o BNG de Oia reclama ao Concello a mesma demanda que presentara hai tres anos e medio. En maio de 2002, o grupo de goberno aprobaba a moción na que o BNG reclamaba a colocación dun semáforo (“coa maior urxencia”, sinalábase na moción aprobada) que obrigase a reducir a velocidade do tráfico viario que circulaba pola estrada PO-550, nas inmediacións do colexio e do centro de saúde.

A moción ía acompañada por 16 follas de sinaturas da veciñanza que reclamaba a colocación deste semáforo, o primeiro en todo o concello de Oia. E durante un periodo longo de tempo, unha pancarta do BNG recordou todos os días ao grupo de goberno a necesidade de acceder ás demandas dos veciños e veciñas.

O grupo local do BNG, daquela representado no Concello por Alba Cantero, tivo que apresentar unha nova moción no pleno celebrado en xullo de 2002, para preguntar sobre a tramitación do novo semáforo. O grupo de goberno, encabezado por Álvaro Miniño, confirmou que xa remitira á delegación de Tráfico a solicitude correspondente para a instalación do semáforo. Mais a veciñanza de Oia tivo que esperar case tres anos e medio para que a colocación deste punto de control do tráfico viario comece a facerse realidade.

Ante as evidencias que sinalan a próxima instalación deste semáforo, a agrupación local do BNG esíxelle ao Concello que evite máis demoras e poña en funcionamiento, coa maior urxencia, este necesario dispositivo para regular o tráfico viario nun punto polo que a diario atravesan centos de veciños de Oia (rapaces e xente maior, sobre todo).

Nestes tres anos e medio de retraso, e en todos os anteriores, foron varios os atropelos que se produciron na altura do paso de peóns (algúns deles, desafortunadamente, con consecuencias moi graves e protagonizados por nenos e nenas de curta idade). E é que este paso, que polo momento segue sen control, é utilizado a diario pola rapazada que cruza para dirixirse ao centro de Primaria e mais polas persoas que visitan o centro de saúde. Ademais, a feira que se celebra todos os martes nesta zona incrementa o paso de persoas neste punto da PO-550. Malia a que os sinais limitan a velocidade a 50 quilómetros á hora, até que se instale o semáforo non haberá ningún punto de control fixo que garanta a seguridade dos peóns.