Sábado, 11 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor Oiaweb.com cumpre dous anos como único portal informativo e lúdico sobre Oia

Oiaweb.com cumpre dous anos como único portal informativo e lúdico sobre Oia

Correo-e Imprimir PDF
O primeiro e único portal web independente sobre o concello de Oia vén de mudar o seu dominio en internet. Logo de cumprirse dous anos do nacemento de Oiaweb.org, este proxecto toma un novo pulo baixo o nome Oiaweb.com, un primeiro cambio que vén seguido da renovación visual da portada e da introdución de novas seccións, como o seguemento puntual da actualidade do concello de Oia a través do que se publica noutros medios de comunicación e a través da información de elaboración propia. Oiaweb naceu no verán de 2003 co obxectivo de ser a referencia en Internet para os habitantes do concello de Oia e para todos e todas as que tivesen interés en coñecer a actualidade, a vida municipal e as xentes que viven e traballan neste concello do Baixo Miño. Así, Oiaweb ofrece 14 seccións nas que se mestura a información de actualidade, datos e documentos sobre o concello, entrevistas a personaxes destacadas da vida cultural e social de Oia, etc.

Unha das mudanzas máis significativas desta nova etapa afecta á páxina principal, na que desde agora aparecen recollidas todas as noticias sobre Oia que se publican noutros medios de comunicación e as informacións que elabora a redacción de Oiaweb. Esta ferramenta, deseñada a modo de blog, é de extrema utilidade para todas as persoas que queiran dispor dunha completa hemeroteca especializada nos temas que afectan ao desenvolvemento de Oia. A hemeroteca complétase noutra sección, a de “Reportaxes”, na que a equipa de redacción aborda acontecementos destacados con información textual, gráfica e audiovisual.

O obxectivo de Oiaweb de ser unha ferramenta informativa sobre este concello fundamenta outra das seccións deste portal: Corporación Municipal. Aquí pódense atopar desde as actas dos plenos que se teñen celebrado nesta lexislatura, os orzamentos dos últimos tres exercicios e até unha completa e clara explicación de como se organiza o goberno municipal e quen ocupa actualmente os cargos de responsabilidade.

Con todo, Oiaweb quere ir máis alá da documentación sobre a vida municipal e a actualidade informativa. A riqueza histórica e patrimonial (mosteiro, petroglifos, vía romana...) deste concello protagoniza tres apartados nesta páxina web: “Historia”, “Patrimonio” e “Cultura”. En breve, Oiaweb.com contará con todo o fondo gráfico e documental da páxina web Maroucinho.tk, o proxecto en internet de Juan González Vicente, o maior especialista na investigación a pé de campo dos petroglifos de Oia. Nesta páxina web recóllense centos de imaxes comentadas sobre os petroglifos máis significativos que se poden visitar no concello de Oia.

Este apartado de “Cultura” destaca ademais por ser a primeira base de datos online das asociación culturais e musicais do concello de Oia. Ademais, esta sección inclúe un completo calendario de todas as festas que se celebran nas parroquias de Oia, información e reportaxes sobre as tradicións máis enraigadas (como a festa dos curros) e unha listaxe dos libros que se conservan na Biblioteca Municipal (aínda que esta permanece pechada, a falta de que o goberno municipal contrate a unha persoa que xestione este servizo público).

Oiaweb.com non é allea ao necesario desenvolvemento empresarial da vila, así que na sección “Reportaxes” trata de incluír información sobre as empresas que traballan desde Oia e conseguen suceso no mercado galego e incluso estatal. Na mesma liña de valorar ás organizacións e persoas destacadas de Oia está a sección “O Personaxe”, serie de entrevistas a persoas destacadas na vida cultural, social, deportiva, económica... deste concello.