Este venres 2 de outubro o Manifesto Miñor, organiza unha xornada de debate no auditorio de Nigrán ás 20:30 horas co lema “Palestra pública encol da unidade”.
A iniciativa preséntase a prol da “ construción dun movemento cívico e plural que teña como fin inmediato elaborar unha única candidatura que logre que os intereses da inmensa maioría da sociedade galega estean representados e sexa decisiva nas próximas Cortes do Estado, ademais de defender os interese de Galiza coma nación, debería comprometer os nosos esforzos para conseguilo nos vindeiros meses, por non dicir días”.
Cualifican este debate como “necesario” e “urxente”, para que a veciñanza do Val Miñor “poida intervir e participar sen intermediarios e conxuntamente cos axentes sociais e políticos da contorna e do país”.
Ademais de ser aberto a toda a cidadanía, dende o Manifesto Miñor sinalan que foron convidadas a participar as seguintes organizacións sociais e políticas: Encontro por unha Marea Galega, Iniciativa pola Unión, Gondomar Concello Aberto, Nigrán Decide, BNG, CxG, ANOVA, EU, Podemos, Cerna e EQUO.