Xoves, 28 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor O Bloque Nacionalista Galego esíxelle á Xunta medidas urxentes na crise do sector leiteiro

O Bloque Nacionalista Galego esíxelle á Xunta medidas urxentes na crise do sector leiteiro

Correo-e Imprimir PDF
leiteBNG

A formación nacionalista realizou este sábado en Gondomar, Nigrán e Baiona un reparto de material informativo sobre a crise do sector
O BNG de Gondomar, Baiona e Nigrán realizou na mañá do sábado un reparto de material informativo sobre a crise do sector leiteiro galego nas inmediacións de establecementos comerciais das tres localidades.

Este reparto forma parte da campaña que está desenvolvendo o Bloque Nacionalista Galego para "denunciar a situación deste sector fundamental da economía galega, ameazado polas condicións abusivas impostas polas industrias lácteas, que establecen prezos que obrigan a vender por baixo do custe de produción e mesmo ameazan con non recoller o leite aos produtores. Todo isto ante a pasividade da Xunta de Galiza, que, eludindo as súas responsabilidades, se limita a facer campañas de promoción do leite que pouco ou nada axudan ao sector".

"Fronte a esta situación", sinalan," o BNG reclama da Xunta que exerza as súas competencias en materia de agricultura, gandeiría e comercio interior, adoptando medidas urxentes que garantan a recollida da totalidade do leite, a fixación dun prezo que remunere os gastos de produción e a existencia de mecanismos de control e sanción en caso de incumprimentos por parte da industria. O BNG presentou mocións nos tres concellos do Val Miñor solicitando das corporacións municipais o apoio para estas reivindicacións".