Martes, 15 Oct. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor Josué Villar "En Gondomar hai moitas familias en risco de exclusión social, e que precisan da axuda das institucións"

Josué Villar "En Gondomar hai moitas familias en risco de exclusión social, e que precisan da axuda das institucións"

Correo-e Imprimir PDF
Josué Villar - Candidato por Gondomar Concello Aberto

Josué Villar - Mañufe, Politólogo e candidato á alcaldía de Gondomar pola formación Gondomar Concello Aberto, a coalición formada por Podemos, ANOVA, Esquerda Unida e persoas independentes.

"Dende que traballo en política perseguín como obxectivos a unidade da esquerda, a democracia participativa, e unha xestión responsable do público. Por iso considero que Gondomar Concello Aberto me representa. E fágoo porque neste momento da miña vida podo garantir o meu compromiso absoluto con este proxecto veciñal que, entendo, pode significar unha transformación profunda e irreversible da nosa vila. Aínda sendo novo sei que podo aportar a miña experiencia política desenvolta nestes últimos anos así como o coñecemento do funcionamento do Concello, xa que traballei nel, en prácticas, en 2014."

 

Economía

Gondomar, xunto aos concellos do Val Miñor atópanse na cola de concellos de Galicia con menos inversión por habitante, nunha media de 25€/habitante? Que opinión lle merece a actual política de gastos e ingresos do Concello de Gondomar? Que eidos deberían ser correxidos con urxencia para beneficiar aos veciños?

É unha indecencia que Gondomar bata récords en perdas de subvencións, o que provocou unha importante perda de recursos que terían que ser invertidos no Concello, con especial mención aos 2 millóns de euros perdidos para o polígono da Pasaxe.

Gondomar non pode ingresar 7,7 millóns e gastar 9 millóns, e renunciar a facer proxectos por falta de fondos propios. Non pode negarse a pagar unha factura dunha aula infantil de 1000€, e gastar 10.000 € nun gabinete de prensa, ou máis de 200.000€ en xuros de créditos non necesarios

Por isto, e máis motivos que van na mesma liña, consideramos que o actual goberno non xestiona os cartos públicos con responsabilidade.

Gondomar Concello Aberto propón como primeira medida facer unha auditoría de contas para saber en que se gasta, e como se gastan os cartos no Concello, e unha revisión dos contratos existentes. Queremos transparencia e participación na elaboración dos orzamentos municipais como ferramenta de información e control por parte da cidadanía.

Podería adiantar algunha proposta concreta do seu partido cara á dinamización da economía local de Gondomar? Ao seu criterio que sectores deben recibir o empuxe do goberno local?

Consideramos prioritaria a regularización do polígono da Pasaxe, para garantir que sexa o motor económico de Gondomar.

Pensamos que é necesario fomentar as empresas de economía social e o cooperativismo.

Propoñemos tamén n mensual de eventos culturais, deportivos, e medioambientais que fagan achegarse ao noso municipio a xente de toda a comarca en concreto, e de toda Galicia en xeral. Facer da cultura e do turismo sostible unha ferramenta máis para aumentar a capacidade económica da vila, e favorecer así o desenvolvemento económico da mesma.

A Mancomunidade do Val Miñor – Como valora os acordos/actividade deste ente supramunicipal? Cales son as súas propostas para os próximos 4 anos?

Valoramos a xestión da Mancomunidade negativamente, xa que non contribuíu á reducción do paro no Val Miñor, nin loitou axeitadamente con medidas para a correcta implantación do Plan de Transporte Metropolitano, como é o problema dos/as usuarios/as que son deixados en Mañufe. Entendemos que a Mancomunidade foi utilizada políticamente polo Partido Popular, publicitando acordos de emprego e transporte que eran "fume" e parches temporais.

Por uotra banda tampouco pulou pola defensa do patrimonio histórico e natural do Val Miñor, nin acadou acordos coa Xunta para solucionar a contaminación na Foz do Miñor, nin dos ríos da nosa comarca.

Emprego

Que opina das políticas de emprego desenvolvidas na última lexislatura? Qué medidas ou mecanismos propoñen para resolver a situación irregular do polígono da Pasaxe?

A política de emprego no Concello de Gondomar foi nefasta. A oferta de cursos co nome de "Como buscar emprego" resume bastante ben a situación, e amosa que o goberno local aínda non se enterou de o que fai falla é crear emprego, e non axudar a buscalo.

As partidas nos orzamentos destinadas a Formación e Emprego foron de cantidades irrisorias, cando non foron destinadas para outros fins.

En canto ao polígono da Pasaxe, o primordial é mediar entre empresarios/as, Comunidade de Montes, particulares, e a Xunta de Galicia para dotar de servizos ao polígono e regularizar a situación de todas as empresas correctamente. O goberno municipal non foi quen de buscar solucións, e nin sequera mediou como representante das empresas sitas no polígono defendendo os seus intereses. A inacción do Goberno municipal e a nula vontade política para solucionar o problema mudará se gobernamos.

Que iniciativas pode esperar a cidadanía nesta materia se vostede acadase a alcaldía?

Proporcionaremos apoio técnico e legal para a creación de cooperativos de traballo e servizos a curto prazo, como medida de emerxencia ante a elevada taxa de paro. Tamén dotaremos aos veciños/as que o desexen terras, ferramentas e locais para a creación de novas actividades económicas tanto no sector primario como na artesanía, creación de productos locais e servizos.

Daremos asesoramento e apoio para proxectos de autoconsumo e economía social.

Traballaremos para dinamizar a actividade cultural, para crear un Concello que sexa referencia máis alá do local, xerando emprego e aumentando os ingresos das pequenas e medianas empresas locais.

Redactaremos un Plan de Turismo Sostible, que garanta a captación de ecoturistas da área de Vigo, Baiona ,Nigrán, e Portugal.

Xuntarémonos periódicamente cos/as empresarios/as locais para a elaboración de políticas conxuntas que fomenten a creación de emprego na vila.

Elaboraremos proxectos que serán presentados na Xunta e na Unión Europea, co principal obxectivo de xerar emprego no Concello coa axuda das institucións mencionadas. Tamén traballaremos con comunidades de montes, centros de ensino, asociacións e empresas locais para a formación e inclusión no mercado laboral de persoas demandantes de emprego.

Loitaremos polo recoñecemento e remuneración do traballo reproductivo como son como o coidado de nenos/as e persoas dependentes.

Pularemos pola creación de empresas públicas que xeneren postos de traballo e axuden a mellorar a economía do Concello. Traballaremos para remunicipalizar os servizos privatizados dentro da marxe que a lei permite.

Cal é a súa visión das políticas cara á xuventude adoitadas nos últimos catro anos? Que iniciativas presentará para mellorar a calidade de vida da mocidade de Gondomar?

Remítome ás políticas citadas no punto anterior, tendo en conta que son políticas de carácter transversal. O matiz aquí sería que ademáis da creación de emprego, temos que traballar cos centros de ensino para a potenciación de estudos formativos vencellados a actividade empresarial da bisbarra, para que mediante acordos con empresas, o alumnado formado poda traballar ao rematar o periódo de estudo, e deste xeito pechar o ciclo de emprego na bisbarra. Tamén pensamos que é fundamental unha oferta de ocio para a mocidade, actualmente inexistente, e dotala de espazos axeitados para estudar e para reunirse, non só no centro da vila. Mellorar a oferta de transporte público, que afecta especialmente á xuventude, tamén é unha das nosas prioridades.

Servicios sociais

Qué valoración fai das políticas sociais e de axuda á dependencia / emerxencia social dende o concello? Cales son as medidas concretas que propón o seu partido?

A situación é critica, como considera o informe da Rede Europea de loita contra a pobreza que manifesta que en Gondomar 3.488 persoas atópanse en risco de exclusión social. Isto quere dicir que en Gondomar hai moita xente que precisa da axuda das institucións. Ademáis da pobreza, hai familias que teñen que coidar aos seus familiares dependentes, o que limita a súa capacidade para atopar emprego, e mesmo a súa capacidade económica, porque os e as que vivimos esa situación sabemos que ademáis do tempo que hai que adicar, os recursos económicos para o correcto coidado dos familiares adoitan ser elevados.

Nós pulamos pola contratación de persoal municipal e servizos de voluntariado que fomenten a solidaridade e a atención dos que máis o precisan. O coidado dos/as nosos/as veciños/as con problemas de todo tipo é unha responsabilidade non só familiar, senón de toda a sociedade.

Por outra banda, traballaremos a prol da creación dun centro para os nosos maiores, así como a recuperación da casa da xuventude, que fomente como dicía antes, a cooperación, o respeto, e a solidaridade entre veciños/as

Tamén consideramos importante a información e a atención a domicilio mediante persoal municipal.

Outra medida imprescindible é adaptar o acceso ao Concello e a Biblioteca municipal de Gondomar para as persoas con movilidade reducida como marca a lei. Ate o de agora ningún Goberno fixo fronte a este problema que xenera desigualdade.

Corrupción – transparencia - participación

Qué medidas concretas adoitará o seu partido de cara a erradicar a lacra da corrupción no eido local?

Todos os cargos electos con dedicación exclusiva aceptaremos unha limitación salarial de tres veces e media o salario mínimo interprofesional (o que supón unha rebaixa dun 24% do actual salario do Alcalde no noso concello). Adecuaranse proporcionalmente as dedicacións parciais. Establecerase un tope de gasto para este concepto. No caso de necesitar dietas ou viáticos, estes no poderán superar as establecidas para o persoal funcionario e laboral. Absterémonos de exercer as nosas funcións ou utilizar as prerrogativas do cargo para favorecer intereses privados propios ou de terceiras persoas, prohibindo o favoritismo e o exercicio da autoridade no propio beneficio.

Renunciaremos a agasallos e privilexios que se nos poidan ofrecer. Non duplicaremos salarios nin cargos, agás os vinculados á nosa condición. Subscribiremos un compromiso de transparencia e rendición de contas ao longo e ao final da nosa actividade como representantes, velando polo bo uso dos bens públicos e por unha xestión dos recursos municipais baseada en principios de eficiencia, equidade e eficacia.

Comprometerémonos a defender que as relacións económicas e financeiras que o concello precise sexan establecidas cunha banca ética na medida do posible. Promoveremos a participación veciñal na toma de decisións relevantes e na posición política da candidatura en asuntos estratéxicos e proxectos de impacto social, ambiental ou urbanístico. Promoveremos unha cultura administrativa ética na que se controle o cumprimento dos mínimos legais nos contratos dependentes do Concello.

Que cambios considera urxentes en materia de transparencia, xa sexa no acceso á información como na contratación de empresas e persoal para servizos municipais?

Defendemos unha organización do Concello na que as decisións, acordos, actividades, prestacións e servizos sexan coñecidos e accesibles a toda a cidadanía polo que poñeremos todos os medios ao noso alcance para difundir esta información.

En consecuencia comprometémonos a: Publicar os resultados da auditoría realizada ao inicio e ao remate da lexislatura. Editar na web do Concello e en papel todos os documentos que se publiquen, habendo polo menos seis copias en papel a disposición dos veciños e veciñas. Facer chegar a toda a cidadanía, ao comezo da lexislatura e en soporte papel, o catálogo xeral de servizos, así como as sedes dos servizos e equipamentos da entidade, con enderezo, horarios de atención ao público e enlaces ás súas páxinas web e/ou enderezos de correo electrónico. Cada vez que haxa un cambio nestes datos farase chegar á cidadanía o devandito cambio en papel.

Crear o portal de transparencia do Concello, dividido en seis áreas: Información sobre a corporación municipal, Relacións coa cidadanía e a sociedade, Transparencia económico-financeira, Transparencia nas contratacións e custos dos servizos, Transparencia en materias de urbanismo, obras públicas e medio ambiente. Indicadores da lei de transparencia

Os plenos municipais/ supramunicipais dos últimos catro anos non teñen sido un exemplo de democracia participativa? Que medidas propoñen de cara á facilitar a participación da vecindade e dos colectivos no impulso de iniciativas populares?

A democracia participativa constitúe o eixo central dunha nova política municipal que consiste en que a sociedade civil se implique na xestión do municipio. Para que se converta nunha práctica social da poboación é preciso que esta teña acceso á información, que se establezan canles e mecanismos de participación e que se fomente o asociacionismo en todos os eidos da vida cotiá das veciñas e veciños.

Para conseguir isto, propoñemos as seguintes medidas, que se desenvolverán nun Regulamento de Participación Cidadá: Elaboración dun Regulamento de Participación Cidadá, co desenvolvemento de foros cívicos (Axenda 21) e consellos municipais sectoriais (educación, muller, mocidade, etc.), que crearán comisións de traballo cuxas decisións serán levadas obrigatoriamente ao pleno.

Realización de audiencias públicas periódicas sobre temas de interese xeral: urbanismo, orzamento, etc.

Consellos parroquiais abertos, que aglutinen as diferentes asociacións (culturais, veciñais, comunidades de montes...) nos que os cargos políticos teñan voz, pero non voto. 

Acceso á información municipal por parte da cidadanía. Realización de trámites vía web. Publicación na web das actas dos plenos, así como todo tipo de documentación que deberá ser pública (contratos, licitacións, etc.). Tamén propoñemos que existan caixas de suxestións e reclamacións en centros culturais, colexios e outros edificios públicos, para que participen as persoas que non o fan de modo telemático, con compromiso de resposta nun prazo determinado.

Potenciación das competencias do Pleno municipal. Posibilidade de intervir nos plenos por parte de asociacións e veciñas/os. Modificación da normativa sobre iniciativas lexislativas populares, co fin de reducir o número de asinantes necesario para que se admitan a trámite. Posibilidade de revogatorio de cargos públicos, que se podería pór en marcha transcorrida a metade da lexislatura, por un número mínimo do 20% dos/as electores/as e se sometería a votación popular. Orzamento participativo, con partidas para as parroquias e colectivos sociais. Posta en práctica de experiencias participativas de deseño de espazos públicos para uso da poboación. Establecemento dun mecanismo de referendos para asuntos de transcendencia municipal. Participación cidadá en organismos autónomos e empresas públicas.

Urbanismo

Ao seu criterio, cales son os principais problemas que teñen impedida a aprobación do PXOM para Gondomar? Que camiño propón para superar eses atrancos?

O método que o actual goberno intentou levar a cabo para facelo (a base de ocultación e nula participación) resultou totalmente inútil.

Nós pulamos por unha redacción participada e consensuada coa veciñanza, tecido asociativo, movementos sociais e partidos políticos, dende o diagnóstico ata a proposta: é condición absolutamente necesaria para un documento que vai moito máis alá dunha lexislatura e que debe representar un modelo de municipio a longo prazo.

Apostamos por un Plan que prime a reforma e rehabilitación interior, mellorando os espazos e servizos públicos, e respectuoso co medio ambiente.

O camiño que propomos é: Fomentar a participación cidadá coa reactivación, entre outras medidas, do Plan de Acción Local da Axenda 21 e a creación dun Consello Sectorial Municipal. Implicar todas as concellerías na redacción do documento tendo en conta o carácter transversal do urbanismo. Publicar na web do concello e pór a disposición das/os veciñas e veciños para consulta presencial a información do PXOM durante a súa tramitación, cumprindo o artigo 100 da LOUGA sobre publicidade dos instrumentos de ordenación.

Publicar así mesmo e do mesmo xeito as modificacións do PXOM posteriores á súa aprobación.

Asegurar a debida protección do solo non urbanizable en aras a garantir un medio natural para gozo de todas as persoas e preservar a superficie destinada a agricultura, gandaría e sector forestal.

Ter en conta os condicionantes e potencialidades do entorno supramunicipal, aínda que se trata dun documento municipal.

En materia de mobilidade e transporte, cales son os principais desafíos que debe asumir o próximo goberno municipal? Que papel debe xogar o próximo goberno de Gondomar para acadar un transporte público axeitado en materia de servizo e custe?

O concello precisa un Plan de Mobilidade Sostible que avogue por un modelo de transporte menos contaminante e que mellore a mobilidade dentro do Val Miñor, así como a súa conexión con Vigo. O plan debe ter en conta a unidade que existe no Val Miñor dende os puntos de vista social e laboral, da cantidade de desprazamentos cotiáns para o traballo e o estudo e das actividades que se desenvolven no contorno do val. E debe ter unha orientación sobre como coordinar o transporte cos outros concellos para acadar unha eficiencia que hoxe non temos e que non se pode conseguir cunha visión fragmentaria e local dos problemas.

Desafíos: A identificación das necesidades de mobilidade e das prácticas diarias da poboación. A promoción dun modelo alternativo de transporte colectivo. O fomento dunha maior conciencia que facilite o cambio de modelo. A redución do número de vehículos en circulación, disuadindo aos usuarios do uso do automóbil, e promocionando outros medios alternativos: vieiros para a marcha a pé, rutas e aparcadoiros para bicicleta, etc.

Actuacións: Avaliar a demanda de mobilidade para o Concello ben estudada e formulada de forma rigorosa. Os plans existentes só potencian o uso do automóbil e das infraestruturas que incrementan o número de vehículos en circulación, nunha espiral insostible.

Definir alternativas viables de transporte combinado: Vieiros peonís que non sexan só un adorno, senón que constitúan unha verdadeira rede que realmente permita aos veciños baixar a Gondomar a pé, moverse nun radio de poucos quilómetros e con seguridade. Deseñar un verdadeiro plan que mellore a seguridade dos veciños que camiñan polas beiras das estradas que non están acondicionadas.

Establecer carrís para bicicletas que permitan desprazamentos diarios. Non se trata de deseñar pequenos carrís testemuñais para dar paseos os domingos, senón unha rede que lle permita a unha parte da poboación, sobre todo a xente nova, a mobilidade segura. Habilitar aparcadoiros de bicicletas e vieiros para comunicar coa Ramallosa polo río e que cheguen a conectar co carril da costa.

Favorecer o uso dos servizos de transporte colectivo, e proxectos novos que permitan a mobilidade entre as parroquias e Gondomar incluíndo unha conexión coa Universidade.

Promover sistemas que impulsen un uso máis eficiente das estruturas viarias existentes (promoción do transporte compartido).

Considerar como un plan para o futuro a posibilidade de recuperar o tranvía para conectar Gondomar coa Ramallosa como xeito sostible de alixeirar o número de coches neste traxecto.

Restrinxir o uso do coche, establecendo zonas peonís, medidas de pacificación do tráfico, redución dos límites de velocidade...

A autoestrada do Val Miñor atópase nestes momentos infrautilizada segúndo os estudos de mobilidade e tráfico que manexa a Xunta de Galicia? Serve esta infraestructura como método útil de interconexión entre os concellos do Val Miñor? Cómo se pode sacar maior proveito para a vecindade local?

Si, está infrautilizada, porque non ofrece solucións aos problemas reais de conexión no Val. Podería resultar dalgunha utilidade suprimir as peaxes. Pero a solución dunha interconexión sostible, como sinalamos, vai por outro lado.

Medioambiente

Que medidas propón para por solución ao contínuo deterioro medioambiental que está sufrindo o río Miñor en parte polas deficiencias da EDAR? A Foz do Miñor, un espazo en Rede Natura machacado pola contaminación? Cales son as súas propostas para restaurar a degradación deste espazo de alto valor ecolóxico? 

Que outras medidas de recuperación ou melloras ambientais plantexades dende a vosa candidatura?

En primeiro lugar, propoñemos as ribeiras dos ríos do Concello como espazos de intervención prioritaria. Os ríos, os bosques de ribeira e o monte das ladeiras serven para frear a erosión do chan, para regular a economía da auga dunha zona, para regular o microclima, e para amortecer as inundacións. Son ademais espazos privilexiados para o ocio e incrementan enormemente a calidade de vida dunha vila.

Proponse aproveitar o potencial como espazo natural e paisaxe de calidade dos ríos do Concello para artellar unha rede de espazos de lecer e recreo sostible que conecte as beiras do Morgadáns, Zamáns, Peitieros, Miñor.

Actuacións: Limpar e recoller o lixo e entullo das beiras e do leito dos ríos unha vez ao ano: campaña na que se debería implicar os centros de ensino e a veciñanza voluntaria. Recuperar, limpar e manter os carreiros das beiras dos ríos para o seu uso por peóns e mesmo bicicletas. Sinalar as vereas e informar dos beneficios dos bosques de ribeira. Limpar e rozar o contorno dos muíños. Fomentar e facilitar o acceso público e recreativo ás pozas e lugares singulares dos ríos e limpar estes. Abrir un vieiro na ribeira que conduza ata A Ramallosa, facilitándolles aos usuarios o acceso á Foz, á praia Lourido e ao carril bici da Ramallosa.

Propostas de actuacións e de mellora para os ríos Morgadáns, Peitieiros e Zamáns. Limpar e recoller o lixo e o entullo das beiras e do leito dos ríos unha vez ao ano. Facer rozas e podas selectivas, baixo supervisión de expertos, para manter a integridade da vexetación típica das ribeiras. Manter e conservar a vexetación da ribeira. Eliminar obstáculos no leito do río que comprometan o fluxo das augas. Extraer progresivamente as especies invasoras e replantar especies propias. Controlar os aportes de areas e recheos que afecten ao leito dos ríos. Recuperar e manter os camiños das beiras. Sinalizar os roteiros e informar dos beneficios do bosques de ribeira. Recuperar as áreas dos muíños que están en mellor estado. Eliminar as barreiras e manter os accesos aos ríos. Garantir a servidume de paso e a entrada ás beiras con pontes ou accesos que permitan sortear as zonas bloqueadas ao paso. Fomentar o acceso público e recreativo a pozas e lugares de ocio. Limpar a zona de baño nas pozas. Catalogar as áreas danadas. Previr as inundacións mediante o mantemento das ribeiras. Establecer un voluntariado ambiental para axudar nalgunhas das tarefas de mellora dos medios de ribeira.

Ademáis, faise necesario a elaboración dun informe técnico de evaluación ambiental que fixe as liñas a seguir para ordear correctamente a rede de saneamento e augas pluviais, así como clarificar o estado da depuradora. Traballar coa Xunta de Galicia a intervención planeada e sostible para garantir unha política municipal respetuosa co medio ambiente.

 

Ademais dos temas consultados, que propostas entende urxentes encaminar cara ó mandato 2015 – 2019?

A prioridade sen dúbida é a creación de emprego de calidade a curto prazo. Para isto é necesario unha política cultural, un plan de turismo e mobilidade sostible, e a cesión de locais e terras a todo/a aquel/a que quera traballar. Nós temos a vontade política de ceder todos aqueles terreos e locais a disposición do concello para xerar numerosos empregos dende xa dentro das posibilidades que a lei nos permita. O noso compromiso coa xeración de emprego é firme, e imos a utilizar todo o capital humano e patrimonial do concello para a acadar o obxetivo de crear postos de traballo

Tamén a elaboración dun plan urbanístico non especulativo, que reflicta o Gondomar que queremos para os vindeiros 12 anos e que poña en valor a ordenación do territorio como factor de desenvolvemento económico, catalogando sen menosprezo o noso patrimonio histórico e natural.

Creación dunha casa das artes, onde os músicos, fotógrafos, grafiteros, pintores, artesáns artísticos e escritores poidan xuntarxe e compartir coñecementos. Local de referencia a nivel autonómico como espazo de creación de riqueza económica, intelectual, e cultural.

Proporcionar novos espazos de ocio para a mocidade e a xente maior. Con diferentes usos e horarios que permitan unha oferta diversa en actividades e horarios.

Creación dunha rede de colaboración con outros concellos que permita o intercambio de coñecemento e actividades culturais e económicas que dinamicen a vida de Gondomar, e permita aos nosos habitantes coñecer novos lugares e dar a coñecer os seus proxectos e empresas no exterior.

Informatizar o concello e as actividades económicas vencelladas ao mesmo para fomentar o comercio cara o exterior e abrir novos nichos de mercado que permitan as empresas locais vender productos de Gondomar no exterior.Asesorar legalmente ás empresas para o correcto funcionamento da iniciativa.

Axudar xurídica e económicamente as persoas con proxectos creativos que supoñan innovación e un alto valor engadido na producción de novos productos, políticas, ou actividades. Premiar os proxectos que defendan unha economía social, o coidado do medioambiente, e que poñan en valor o noso concello.

Defender a cultura e o patrimonios historico e natural como fonte de riqueza. Potenciar o turismo sostible en Gondomar.

Promover unha bolsa de vivendas para alugueiros sociais para a mocidade e persoas con rendas baixas. Declarar a Gondomar Concello Libre de desafiuzamentos.

Completar a rede de saneamento.

Gobernar para todas as parroquias de forma igualitaria, non só para o centro da vila