Luns, 29 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor O Val Miñor en Fitur

O Val Miñor en Fitur

Correo-e Imprimir PDF

O Centro de Iniciativas Turísticas do Val Miñor estará presente nestes días en FITUR Madrid conxuntamente no pavillón de Galicia para amosar a oferta turística que ofrece o noso Val Miñor.

A auga en Galicia non está só no mar, está tamén nas rías, nos mil ríos de Cunqueiro, na chuvia, nos encoros, no termalismo, e mesmo nos mananciais que se estouran comercialmente. Por iso, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo prepara a promoción turística de Galicia durante o que quixeron denominar "o ano da auga".

O primeiro grande evento no que se porá de longo a oferta de Galicia será, como cada ano, Fitur, a Feira Internacional de Turismo que se celebrará en Madrid do 26 ó 30 deste mes. O día 27 será o Día de Galicia, cuxos actos principais estarán presididos polo titular da Xunta de Galicia, Manuel Fraga.

O núcleo central da promoción de Galicia nesta feira será un pavillón institucional de 1.223 metros cadrados e medio. Esta composto de formas suaves e envolventes contando con elementos gráficos e iconografía representativa de Galicia e especialmente relacionada coa temática do deseño, presentando de forma atraente os diferentes produtos turísticos galegos e creando unha área expositiva funcional que facilita a visita do público e as relacións comerciais entre profesionais. A súa presentación estética está baseada nunha liña vangardista, elegante e gran coidado estético, á vez que transmite unha imaxe de máxima calidade grazas a unha nutrida gama cromática, iluminación, e ornametación.

O principal produto da mostra será a saída da Volvo Ocean Race 2005. Ademais de incidir nas posibilidades termais, e dos deportes náuticos, o pavillón de Galicia contará coa presenza dunha redeira tecendo redes, e un mariñeiro realizando nós que serán obsequiados ó público.

O Día de Galicia en Fitur será o próximo xoves 27. Ese mesmo día presentarase Galicia como punto de partida da Volvo Ocean Race 2005 - 2006, nun acto que contará coa intervención do presidente da Xunta. Manuel Fraga tamén pronunciará un discurso institucional.


Na edición de 2004, Fitur contou con máis de 210.000 visitantes, dos que 100.195 eran profesionais. A superficie expositiva da feira alcanzou os 79.000 metros cadrados.