Venres, 29 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor Val Miñor: 150 km2 defendidos do lume cunha sulfatadora e varios extintores.

Val Miñor: 150 km2 defendidos do lume cunha sulfatadora e varios extintores.

Correo-e Imprimir PDF
Los-alcaldes-de-la-Mancomun


-Un incendio devorou unha vivenda familiar en Camos á vista indefensa de veciños e operarios do GES carentes de recursos materiais para combater o lume. 

-A única motobomba da comarca leva dous meses nun taller a falla de 15 mil euros para arranxarlla. Entrementres, Porriño e Vigo apagan os lumes da bisbarra con cargo á mancomunidade e supeditado á súa dipoñibilidade.

Unha vez máis a noticia dunha vivenda consumida polo lume deixa en evidencia a indefensión á que seguen sometidos os veciños da comarca do Val Miñor nestes casos. As mangueiras de xardín, a sulfatadora e os extintores do GES da bisbarra esta vez non foron suficientes para evitar que unha familia do barrio Piñeiros en Camos perdera a súa casa por mor das lapas segundo da conta o xornal Faro de Vigo nesta xornada. A pesar que os efectivos de emerxencia comarcais arribaran ó lugar só 10 minutos despois de recibir o aviso, as dimensións do incendio necesitaban o emprego de medios profesionais, pero estes chegaron unha hora despois dende Porriño cando xa non quedaba nada por rescatar.

As carencias do Val Miñor
As deficiencias e a precariedade coa que traballan os 11 bombeiros da mancomunidade do Val Miñor (GES) agrávase polo feito de que a única motobomba forestal que posúen leva xa máis de dous mes avariada nun taller en Vigo á espera do que acorde a Mancomunidade, que sinala non ter diñeiro para afrontar a súa reparación. A reparación de motor está orzamentada ao redor dos 15.000 euros, para un vehículo que custou aos contribuíntes máis de 120.000€ e que ten 10 anos de antigüidade.

O GES tamén conta cunha pick-up ou vehículo lixeiro que incorpora un equipo de excarcelación para accidentes de tráfico, un equipo de auxilio en altura. A mesma nun inicio contaba cunha pequena motobomba de auga de 180 bares e 500 kg de peso. Segundo puido saber esta redacción, a motobomba estropeábase moi a miúdo e sumado ao problema de carga que tiña o vehículo, os profesionais solicitaron á mancomunidade a súa retirada e o aproveitamento do espazo da motobomba para a colocación do equipo de excarcelamento, cubrindo as necesidades de extinción co camión que agora mesmo está avariado. Unha medida da que a mancomunidade ten coñecemento e deu o seu consentimento.

Porriño e Vigo apagan os lumes no Val Miñor con cargo á mancomunidade.
Os bombeiros de Vigo e Porriño son os que levan xa tempo suplindo as carencias do servizo no Val Miñor. Unha asistencia que está supeditada á súa dipoñibilidade para acudir até o Val, co agravante de multiplicar por catro o tempo de resposta que prestan os servizos de emerxencia do GES; os primeiros en acudir e prestar auxilio na zona.

Pero as viaxes dos bombeiros de Vigo e Porriño non saen gratis nin son por solidariedade. As facturas corren finalmente a cargo da mancomunidade que debe sumalo ao gasto do propio servizo do GES.

As denuncias das aseguradoras.
As aseguradoras revélanse tamén ante a falta de equipos de extinción do Val Miñor. Así unha aseguradora mantén unha demanda pendente de xuízo contra a propia mancomunidade logo de que o vehículo dun asegurado ardese na praia de Patos sen que os efectivos de emerxencias contasen con equipo de extinción. Unha situación que provocou o calcinamento do vehículo valorado en 50.000 euros e que agora a aseguradora reclama á mancomunidade.

O mesmo poderían reclamar estes veciños de Camos que perderon a súa casa onte metras propietarios e bombeiros miraban impotentes como as lapas consumían a vivenda desta humilde familia.

Novamente a sorte segue do lado da mancomunidade,  responsable único do servizo, e non hai que lamentar vítimas mortais. Pero a sorte non é un metodo preventivo de emerxencias.