Xoves, 18 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor CCOO denuncia que o plan contra incendios da Xunta aínda non está operativo

CCOO denuncia que o plan contra incendios da Xunta aínda non está operativo

Correo-e Imprimir PDF
Brigadistas do SEAGA nun lume

CCOO lamenta a gran perda ecolóxica e forestal producida no incendio de Quiroga-Larouco, sinistro no que, segundo datos da propia consellería, calcináronse mais de 500Ha, resultando afectadas amplas extensións do Distrito Forestal VIII (Terra de Lemos) e do Distrito Forestal XII (Valdeorras/Trives). Ademais, denuncia publicamente que, "a causa da irresponsabilidade dos xestores da consellería", este ano, o operativo de defensa contra incendios forestais está máis atomizado que nunca e, a estas alturas do verán, "segue aínda sen estar despregado na súa totalidade".

 

CCOO lembra que na loita e extinción dos incendios forestais unha das claves fundamentais é o "tempo de reacción" (termo que define o espazo de tempo desde que se localiza un lume ata que chegan os primeiros medios a actuar), sendo a rateo de reacción cada vez peor.

CCOO advirte que así, o pasado día 11 de agosto, cando se produciu o incendio de Quiroga/Larouco, a "descoordinación no mando, a atomización de medios, e a falta de
brigadistas suficientes", contribuiu a que o citado incendio "teña producido unha perda ecolóxica e forestal irreparable".

Favorecer a empresas privadas

"CCOO vimos denunciando continuamente ano tras que os dirixentes políticos da Consellería de Medio Rural e do Mar están empeñados en ir desfacendo progresivamente o Servizo Público de Defensa Contra Incendios Forestais (SPDCIF), empeñándose en atomizar perigosamente o operativo e favorecendo e dando entrada temerariamente á actividade a determinadas empresas privadas que nutren as súas contas de resultados coas suculentas concesións da citada consellería", critica este sindicato nun comunicado.

E que para esta central sindical, a metade de agosto e cunha vaga de calor enriba, seguen sen cubrirse moitos postos vacantes da plantilla do SPDCIF. Así, indica que Brigadas que terían que ter 7 compoñentes, para poder facer a rolda de quendas e conseguir así que estean traballando 5 compoñentes en cada unha delas, só contan con 3/4 membros, polo que a maioría dos días traballan en realidade 1 ou 2 brigadistas en cada equipo.

CCOO tamén lamenta que a consellería recuperou a contratación do reforzo do verán a través dos concellos ou "de chiringuitos empresariais variados e variopintos para favorecer o clientelismo e a subxetividade, a costa de mermar eficacia, eficiencia e transparencia na contratación e na xestión".