Sábado, 4 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor Adeus ao poeta Manuel María

Adeus ao poeta Manuel María

Correo-e Imprimir PDF
"Un poema é un ser vivo que anda, respira, soña, chora, salouca, ama, berra, cintila e escurece, (...) E nunca morre". Foi a de Manuel María unha vida enteira de poemas dende a publicación daquel histórico 'Muiñeiro de Brétemas' no ano 1950. Moitos anos despois e malia ter dito que quería deixar a poesía con dignidade e que por iso non tiña pensado publicar máis versos, saía do prelo para satisfacción dos lectores e por insistencia dos amigos 'Brétemas do Muiñeiro', poemario inédito que o autor rematara había anos. A súa voz non parou de escoitarse os últimos anos en toda Galiza, coa presentación da súa 'Obra Poética Completa' e coa participación en actos da Plataforma Nunca Máis e Contra a Burla Negra, onde puidemos oír do seu "Escarnio contra os destragadores do mundo" a conta da marea negra do Prestige.

O Poeta da Terra Chá, Chairego universal
"A Terra Chá, xeograficamente, fórmana unha ducia de concellos ou parte deles. Trátase dunhas terras visitadas polo vento cántabro, de ceos grises, habitadas por pequenas lagoas, cruzadas por mil ríos, sendo o principal o Pai Miño, caudal e poderoso. Era unha bisbarra eminentemente labrega, moi centeeira, con grandes extensións de monte raso. Abundan, nas beiras dos ríos e nas lamas, os abeneiros, salgueiros e abidueiras. Debido ao actual abandono da agricultura, a Terra Chá converteuse nunha xigantesca mancha verde, na que medran toxos, xestas e codesos que rebentan en poderosos amarelos nas floridas primaveras: un mato mesto que mudou a paisaxe tradicional.
Don Ramón Otero Pedrayo, Antonio Fraguas, Evaristo Correa Calderón, Antonio Peña Novo, �lvaro Cunqueiro, �nxel Fole e Francisco Río Barja, entre outros moitos, teñen escrito fermosas páxinas que tratan da Terra Chá e de diversos temas chairegos.
Don Ramón Otero Pedrayo foi, sen dúbida, o grande, lúcido, apaixonado teórico e intérprete da nosa paisaxe. Entre nós hai un antes e un despois de Otero Pedrayo no xeito de entender e sentir a paisaxe".

Testemuña da tribo

Podes ler a súa poesía e escoitar a súa voz na Biblioteca Virtual Galega

Biografía e textos de Manuel María en Galicia Espallada, inclúe o seu discurso de ingreso na Academia Galega (2003).