Xoves, 28 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor O (in)certo futuro do Talaso Atlántico de Oia

O (in)certo futuro do Talaso Atlántico de Oia

Correo-e Imprimir PDF
talaso

-Este hotel-balneario, cunha orde de derrubo pendente desde o 2009, segue a súa actividade con normalidade. Conta co apoio explícito dos alcaldes e dos empresarios da zona. O seu propietario confía en que Feijóo "tome cartas" no asunto. Galiza Non se Vende critica a implicación política nunha decisión xudicial.

O Talaso Atlántico, é o gran hotel-balneario situado no privilexiado tramo costeiro entre Oia e Baiona e moi preto do fermoso cabo Silleiro. Un lugar idílico no que, sen embargo, se instalou de xeito ilegal. Así o recolle unha sentenza firme do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza en 2009 que anula as licenzas de construción, o que leva implícito o derrubamento do complexo. O Xulgado nº 3 do Contencioso Administrativo de Pontevedra instou dúas veces (2009 e 2012) a execución forzosa da sentenza.
E é que a edificación está construída en solo rústico protexido baixo licenzas emitidas irregularmente, e cuxa actividade ten graves efectos ambientais en terra e no mar. O Talaso, que recibiu subvencións improcedentes de varios organismos públicos, conculca a lexislación urbanística, a lei de Ordenación do Territorio, a lexislación ambiental, a Lei de Augas e a Lei de Costas, segundo as distintas sentenzas.
Apoios
Sen embargo, e pesares do ditado pola lei, o Talaso Atlántico segue coas súas actividades e conta, ademais, con importantes apoios na zona. Así, o Alcalde de Oia, Alexandre Rodríguez; o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Xosé Manoel Fernández Alvariño; os alcaldes de Baiona e A Guarda; a Confederación de Empresarios de Hostalería de Galicia; a Federación Provincial de Empresarios de Hostalería de Pontevedra; as Asociacións de Empresarios de Oia e A Guarda, e a Federación de Empresarios de O Baixo Miño apoian ao responsable do Talaso Atlántico, Xesús Pérez Xil, e opóñense a execución da sentenza firme do TSXG que anula as licenzas do complexo, o que implica o seu derrubamento.
Todos eles instan á Xunta de Galicia a que salve o establecemento, pese a ser a propia Xunta quen perseguiu a súa demolición nos tribunais.O propio responsable do Talaso, Xesús Pérez Xil; ten subliñado que a súa situación "é un tema que se resolve cunha decisión política" e, por iso, amosouse "convencido" de que o presidente da Xunta "está tomando cartas sobre o asunto para evitar o derrube".
Críticas
"Estes alcaldes e empresarios citados apoian publicamente a unha empresa subvencionada irregularmente, que degradou ilegal e irreversiblemente unha extensión de solo rústico protexido no litoral de Oia, que contamina o mar de xeito continuo, e que está destinado á demolición", denuncian desde Galiza non se Vende. Este colectivo considera "intolerable" que o apoio dos alcaldes e dos empresarios "traspase os límites da legalidade e se materialice na oposición pública ao cumprimento dunha sentenza firme do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia".
"Consideramos que a connivencia entre as administracións públicas e as organizacións empresariais, apoiando a unha empresa privada en contra da legalidade, opoñéndose a sentenzas xudiciais firmes e ignorando o ben común, revela a progresiva transformación da democracia nunha oligarquía económica na que o poder político non xestiona o ben común, senón os intereses do poder económico do que é axente", engade.
Recollido do xornal colaborador Galicia Confidencial.