Baixo o lema Minas! Para que(n)? celebrouse o pasado domingo unha multitudinaria andaina polas cumes da serra do Galiñeiro, na que milleiros de cidadáns reclamaron preservar o enclave como espazo natural, libre de parques eólicos e explotacións mineiras. A previsión orixinal de 1.500 participantes foi totalmente superada, o que supuxo un grande esforzo para os voluntarios apostados ao longo do sendeiro de 10 km que percorreuse con persoas de todas as idades.
“Esta xeoloxía singular, esta riqueza é hoxe obxecto de desexo. Nalgún despacho afastado algún directivo dunha gran multinacional comeza a maquinar o espolio. Catas de prospección… Terras Raras. Cobiza depredadora. “*
Os testemuños da masiva concorrencia quedou rexistrada en imaxes e vídeos que dende o pasado domingo inundan as redes, abranguendo dende os portais dos colectivos agrupados na Plataforma pola protección da Serra do Galiñeiro, ate perfís e páxinas de deportistas, familias e particulares que formaron parte do acto reivindicativo.
“Neste momento de crise mundial no que o foxo entre ricos e pobres se axiganta. Neste momento onde a corda se tensa ata o límite da resistencia compre dicir Non! Compre atreverse a rexeitar a esmola dun modelo económico voraz e insostible. Cumpre plantar cara!”
A organización traballou arreo na sinalización do roteiro, colocando carteis indicativos nos cruces, e preparando a decenas de voluntarios que colocáronse en diversos tramos da inmensa columna de sendeiristas, ca fin de que ninguén se perdera no monte.
“Somos nós, os cidadáns conscientes, as plataformas cívicas os que temos que abrir liñas de combate. Nos florece xa un tempo novo de activismo e dignidade”… “Amor para defender beleza. Todos xuntos para defender O Galiñeiro”.
O parque forestal de Zamáns, punto de partido e chegada da marcha, foi escenario dun espectáculo cultural, e un xantar compartido que deu broche final á xornada. Nese marco, a escritora miñorana Rexina Vega, leu unha proclama na que salientou a importancia da mobilización cívica na defensa do patrimonio natural e cultural que agocha o Galiñeiro dende antes “que o home fose home”.
“Acolá están as Illas Cíes, preservadas xa como espazo natural. Aquí está a Serra do Galiñeiro que aínda treme e se espanta. Que se degrada aos poucos ferida pola ameaza das aspas metálicas dos aeroxeradores, pola plantación masiva de eucaliptos e acacias, polos vertedoiros de lixo e entullo, polas pistas de asfalto, polas canteiras ilegais. Cómprenos parar esta miseria! Cómprenos berrar non!”
A poetisa sinalou a responsabilidade que compre asumir por parte da veciñanza se non se quere que O Galiñeiro remate no que definiu como un gran vertedoiro de lixo industrial ao servizo dos intereses das grandes corporacións que non buscan outro fin que o lucro, sen importarlles as consecuencias que sobre a serra e os que nela habitan podan suceder.
“Nós, os conxurados somos unha onda que medra, que se estende e alaga, connosco vai o futuro: Somos serra!”
* Fragmentos do texto lido pola escritora Rexina Vega.
Cobertura especial de Gondomar.tv da IV Andaina
Dim lights Embed Embed this video on your site